A verdadeira historia de meu bisavó Gumersindo
O Gumersindo non tiña cartos abondos cos que lle pagar a outro mozo para que servise por el -daquela era cousa común- e acabou por ir á guerra de Cuba. Deixou a pequena aldea de Adai preto da cidade de Lugo e marchou a Cadiz -esas eran as ordes- para subir a un barco que o había levar ó Caribe. Como o único que lle sobraba era tempo e devecía por ver mundo, non lle importou moito ter que atravesar a península a pé. Cartos non tiña sobros para un coche de cabalos e, daquela, outra forma de chegar alá non había.Era a primeira vez que saía de Galicia e non entendía ben as distancias. A Cadiz, dixéranlle, era todo terra seguida. Como xente hai en tódolos lados, e preguntando disque se chega a Roma, non había ser difícil dar co sitio, pensou. Para Cuba, ben o sabía, había que coller barco. Algúns mozos da parroquia xa alá foran en busca de cartos, que seica algúns había para tódolos afeitos a baixaren o lombo. Aqueles marcharan desde a Coruña. Aínda que non entendía moi ben porque había de ir el a Cadiz, moito non lle importou. O que manda, manda e acabouse. E medo non era. "Tendo saúde e comendo ben, o traballo non mata a ninguén", escoitara dicir sempre na casa. O Gumersindo era de Adai, preto de Lugo, e o primeiro mar que viu na súa vida foi o luminoso e cálido de Cádiz. Asustouse do grande que parecía. O barco, non tan grande en comparación co mar, apañou ó terceiro día de saír, unha galerna terrorífica. Mentres o mar xogaba co barco, el soñou desperto con que aínda era aquel rapaz que botaba presas de folla na levada do muíño e corría á par dela ata que se perdían na escura e lisa boca da caída ó rodicio. O barco, abaneado por ventos que ouveaban coma lobos famentos, a pique estivo de caer por aquela fervenza da súa mocidade. Pero o peor veu logo. "Calma chicha" chamábanlle os mariñeiros. Perdidos no medio do mar. As máquinas derramadas... Sen comida. Sen auga. Sen auga. Sen auga. Trataba de escoitar o cantigar alegre do regato saíndo por baixo do muíño mentres engulía o mexo da burra que era, seica, menos salgado cá auga do mar. O capitán dixérallelo. Non se podían perder aquelas bestas que en Cuba serían preciosas. Comeron correaxes de coiro amolecidos en mexo de burra, e velas que sabían a vellos aceites e vellas historias de naufraxios. Mexo de burra porque era mellor darlles a pouca auga ás bestas. Valían máis cós soldados. E dicíanllelo alí, estando a morrer. Moito uniforme e pouca alma. Cando xa tiñan os ollos queimados, os beizos rebentados polo sol e á penas podían remexe-la lingua na boca, viron terra. Quince días para reviviren. Chamábanlle á illa Santo Antón de Cabo Verde, pero eran negros coma o pote e falaban portugués. Non era Adai, pero había sitios ben peores. Cismou en quedar achegado a unha daquelas negras de ollos enormes, pero a cousa non era doada, non. Había unha guerra en Cuba porque seica non querían ser españois como os de Adai ou de Madrid. El non etendía moi ben qué mal lles fixera para que non quixesen ser coma todos, pero en fin, o caso é que tiñan que ir alá pelexar para que o seguisen sendo. Cando chegaron, a cousa ía ben mal. Axiña tiveron que entrar en "acción" na selva. Pola parte de Camagüey. O chan estaba estrado de trampas que collían a un polos pés e o erguían, como faría unha vendedora cunha pita nunha feira, ata cima dunhas árbores de follas enormes e verdísimas e de nome descoñecido. Calor pegañenta, bafo que saía da terra, chuvia a cachón e xa mesmo sol de esturruxar... Non entendía nin o tempo. Rebentou unha bomba preto del e sentiu unha calor inmensa nunha perna. Fixéronon preso mentres os outros escapaban. Tratárono ben. Curárono. Viron que non entendía nada do que pasaba. Pero axiña soubo que aquela xente, aquel mundo era outro distinto ó del. Cambiárono, xunto con outros varios prisioneiros, por uns presos deles. Cando se curou abondo, aínda que lle doía a perna, mandárono de novo a pelexar. Pero xa aprendera como pórse lonxe do perigo... Ó meu bisavó Gumersindo Fernández, de Adai, cortáronlle unha perna no Hospital de San Caetano en Santiago de Compostela en 1968. Sempre lle doera algo porque tiña metralla da bomba cubana encistada preto do fémur. Cos anos e a descalcificación, liberouse a podredume do metal intruso e provocoulle unha gangrena. Supoño que sería unha das últimas operacións con motivo daquela guerra de 1898. Morreu ós noventa e oito anos, en 1975, cando eu estaba para rematar o meu bacharelato. Ó írmolo visitar á súa casa de pinas escalerias na rúa "Dous de Maio" do casco vello de Ourense, gozaba contándonos esa e outras vellas historias, deica moi pouco centenarias. Cómpre devolverlles ós nosos maiores os nosos oídos para que deiten neles coa súa verba persoal e verdadeira, unhas engaiolantes historias de vida, dun mundo que foi e xa non é. A fascinación polo colectivo, pola imaxe comunal da televisión, non debería roubar espacio á esencia do noso ser, da nosa historia particular, sexa esta pura realidade ou algo tinxida coas pingas míticas do paso do tempo. Se o Gumersindo chega a quedar en Cabo Verde nunca tería sido camareiro no Royalti de Ourense e endexamais coñecería a aquela moza de Rouzós que un día se achegou por alí porque a súa tía Marica, a leiteira, escordara un pé... pero esa é xa outra histoira. Afonso V. Monxardín Fernández. |