KM7
Ana pechou a porta do coche e cinguiu o cinto. Pousou a pequena nota branca,
escrita con trazo curto e seguro, no asento do copiloto. Non a desexaba
ollar máis nin pensar nela pero isto era imposible. Alí estaba
a mensaxe, zoupándolle no rostro co descoñecido enderezo e
lembrándolle a tolemia · que conducía a esgazadora soidade
que padecía. Era outra vez 24 de Nadal. Outra vez máis soa
en terra estraña, sen amigos nin parentes, sen ninguén a quen
se achegar e buscar acubillo. Soa. Soa cunha enigmática nota branca:
24 de Nadal. 12 da noite. Estrada Fragosiño-Ronzal, km 7 Unha cita.
Unha sinistra cita a cegas na noite do nadal. Ninguén que estivese
nos seus cabais acorrerería a semellante xuntanza sen remite, sen
coñece-la fin da misma, sen saber de onde saíra tal invitación.
Pero Ana estaba soa, completa, absoluta e profundamente soa, motivo dabondo
para internarse no neboeiro, colle-lo coche e guindarse co corazón
inquedo e expectante por esas estradas de Deus.Non o quería pensar pero facíao. As rodas do vehículo comezaron a enguli-los quilómetros ansiosas, devecendo por atinxi-lo lúgubre destino. ¿Un niño de delincuentes? ¿Unha broma de mal gusto? ¿Unha trampa para que abandonara a súa casa e a desvalixar na súa ausencia? ¡quen sabe! Mais Ana estaba na estrada. Corría aferrada ó volante na procura dunha ilusión, dunha esperanza de calor e amizade naquela desapracible noite de nadal. Ninguén se cruzaba con ela. Tódolos habitantes da cidade estaban xa a degusta-los manxares que ateigaban as mesas, compartían galanos, bos desexos e compaña. Ninguén voaba encol do asfalto como Ana. Todos estaban xa quentes ó abrigo dos seus agarimosos fogares. !Era tarde! ¡Demasiado tarde! Ana pisaba o acelerador coa angustia prendida do peito. ¡Tarde! Esta palabra batíalle no cerebro decote. ¿Por que se demorara tanto en decidir? Tivera medo, dúbidas, desconfianza. Pero ·á fin lanzárase · no seguimento do misterio ó que fora convidada. Cos ollos completamente abertos e case que cravados no parabrisas, tentaba alvisca-la estrada entre a tupida brétema. Os limpas danzaban perante a súa face, divertidos pola tensión que deitaba dos músculos da moza; semellaban mofarse do seu constante estremecemento. A cidade quedara xa· atrás. Os faros do automóbil eran as únicas luces que revelaban a presencia dun ser vivinte polos arredores. Todo era escuridade, frío, humidade e bruma. Calafríos no espiñazo, suor na fronte. Chavear de dentes, tremelicar de xeonllos. Gorxa rechumida, dedos beliscantes. De súpeto un letreiro interpúxose no seu camiño. Estrada Fragosiño- Ronzal O corazón de Ana pegoulle un chimpo no peito. O cartel branco parecía falarlle nun murmurio susurrándolle que regresara de contado, que aínda estaba a tempo, que unha cea fría diante do televisor tampouco era tan mala cousa. Pero Ana seguiu. ¡Estaba preto! ¡Aínda non deran as 12! ¡Chegaría á hora! Os quilómetros sucedéronse con hermética cadencia. Ás veces impetuosos e veloces, coma unha galerna. 1 2 3 4; de sotaque lánguidos e lentos, como resistíndose a ser devorados,- 5-, como rexeitando as rodas do vehículo,-6-, como afastándose do punto de encontro. Unha pequena mouteira branca cunha carapucha vermella coma a dun anano agoireiro, anunciou a fin do traxecto. O remate do medo. ¡O intre da verdade! Km 7 Ana apeouse do coche sen dubidar, a indecisión disipárase na noite. Mergullouse na néboa sen nin sequera se axusta-lo chuvasqueiro. A humidade apoderouse do seu corpo, abrangueulle o cabelo, acoiteloulle a carne, ancorouse nos seus membros, engrillou o seu cerebro. E a moza avantou. Tripou a lama do monte e apresurou os seus pasos cara ás fondas tebras que a ollaban, sen ver, sen saber... Un corpo, duro, negro e frío, detivo o avance. ¡Unha porta! ¡Chegara o momento! Atopábase soa na escuridade rodeaba de brétema, de lentura, seica de fantasmas, demos e trasnos. Estaba soa fronte á porta. A man branca de Ana achegouse paseniño á cotrosa lousa. ¡Empurrouna! Un pequeno cubículo de luz e calor estaba a agardala. Unha estancia de feitizo escintilaba na noite do Nadal, ás 12 en punto da noite.¡As baladas soaban! Manxares quentes, arrecendos deliciosos, fogaxe e... lume. A moza sorriu. Pechou a porta e adentrouse no seu ensoño. ¡Un fogar! ¡Acadara a calor do fogar que tanto degoxara! Librouse do chuvasqueiro e anicouse leda ó caron do lume refregándose ditosa as mans; o cepo de Nadal ardía para ela consumindo o desasosego, a amargura, as penas, as angustias, a soidade, dedicándolle os aloumiños de cor vermella e marela que espallaba polo aire. Ana esborouse no chan e respirou aquel perfume doutro mundo. Recendos de paz, calor e tenrura tinxidos de lume, esparexíanse por toda a estancia, abraiando, relumbrando, danzando por paredes teito e solo. E Ana volveu o rostro e ollounos. ¡Non estaba soa! Ducias, centos, milleiros de faces sorrían amosando amizade. ¡Estabamos todos! Todos xuntos para pasa-la noite de Nadal preto do pispante lume en boa compaña. Todos recibiramos a nosa enigmática invitación branca. Ninguén fora quen de rexeitala e non asistir ó convite... Só faltas ti. ¡Axiña! Mergúllate na noite e acorre ó km 7. Milagros Oya Martínez. milaoya@encomix.es http://www. encomix. es/~milaoya |