NADAL 2000
Así foi o 2000: Cousas de Galicia (4)

8. Internet na educación
9. A TVG e as cámaras web por todo o país
10. Eleccións e política
11. Emigración na rede
12. O deporte: un ano de éxitos
13. Turismo 'on line'


8. Internet na educación

A educación non foi precisamente o eido ao que máis atención se lle prestou. O máis salientable foi o A Ponte, un proxecto de demostración sobre o impacto das novas Tecnoloxías da Información e Comunicacións no ensino. O enfoque radicaba na problemática específica das comunidades educativas de Galicia e Norte de Portugal, causada polo carácter rural das zonas. Foi financiado pola Comisión Europea a través do Programa ESPRIT.

A finais de ano a Consellería de Educación estreou un 'portal' (foi a palabriña do ano) chamado Educación en Galicia, que inclúe unha biblioteca dixital, cursos de galego en liña, e un concurso de poesía e narración en Internet. E os mozos de Galego21.org presentaron Lapis de Cores, unha área de encontro para os profesionais do ensino en galego, onde poidan atopar materiais que lles axuden no desenvemento da súa actividade e trocar ideas e experiencias con outros profesionais. Ademais, conquistaron o Planeta Tartaruga, que está habitado por sapoconchos aos que lles gustan as matemáticas e facer debuxos. Nesta planeta fálase 'galogo', un idioma baseado na lingua galega e na linguaxe de programación Logo, inventada hai 30 anos por Seymour Papert no MIT. E o seu obxectivo é amosarlles aos mestres doutros planetas (da Terra, por exemplo) como é a linguaxe Logo.

Outro proxecto a salientar foi Ponte nas Ondas, unha actividade educativa que pretendeu montar unha ponte radiofónica entre centros de ensino de Galicia e Portugal, situados a ambas marxes do Miño. Para iso contaron co apoio da emisora "Ecos da Raia", gracias a quen se pode retransmitir toda unha xornada de programación radiofónica elaborada por alumnos e alumnas de ambas marxes. En xullo presentouse en Madrid Universia.net, un portal que agrupa 32 universidades de todo o Estado, entre as que se encontra a Universidade de Santiago e ao que se uniu máis tarde a Universidade de Vigo. Conta con máis de 11.000 millóns de financiamento achegados polo BSCH.


Arriba

9. A TVG e as cámaras web por todo o país

Un dos empeños máis grandes que puxo a TVG no 2000 foi en poñer cámaras web en todos os currunchos do país. Rematamos o ano con 22 webcams en lugares emblemáticos: abrimos o ano instalando unha no Cabo Fisterra chamada Fin do Mundo. Logo foi Ferrol, máis tarde Ourense, e logo Vigo, Pontevedra, Lugo, A Coruña... así ata cubrir todas as cidades, ademais de Sanxenxo, Tui, Baiona, Cabeza de Manzaneda, O Cebreiro... E precisamente unha delas, a situada na Praza da Quintana en Santiago, foi elixida 'Cam of the Day' no buscador Altavista.

Máis anotacións: o día que o Dépor gañou a Liga, a TVG puxo en funcionamento a primeira webcam móbil do mundo. Dende un helicóptero que sobrevoaba Riazor puidose ver imaxes do partido e do campo, e sen cabos. Ademais, esa mesma noite a TVG instalou dúas webcams que percorrían a cidade e ofrecían imaxes das rúas da Coruña e da festa, por medio da rede.


Arriba

10. Eleccións e política na rede

As eleccións ao Congreso e ao Senado do 12-M ben mereceron un especial de Vieiros: Xerais 2000. Nel fomos informando a diario do que acontecía na campaña en Galicia, ademais de presentar os programas das tres principais opcións políticas: PP, PSOE e BNG, comparativas entre eles e un seguimento especial da xornada electoral. O resultado xa o saben todos: maioría absoluta do PP, tres escanos para o BNG e descalabro total para o PSOE.

Pero ademais houbo novidades: o PPdeG estreou unha magnífica web, que actualiza diariamente. O BNG redeseñou a súa, que mellorou considerablemente aínda que hai que seguir esixíndolle unha maior actualización. Tamén lle demos a benvida á web oficial do Parlamento de Galicia, aínda que nada novo di sobre a Cámara galega e só se actualizou unha vez. A filla do actual presidente galego e eurodeputada polo PP Carmen Fraga, estreou web propia.

Claro que o BNG ten unha rede propia de webs. Este ano chegaron á rede as páxinas de algunhas das súas correntes internas: Esquerda Nacionalista (e tamén as súas mocidades), Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista e a Unión do Povo Galego, os máis veteranos na rede e na "realidade".

E o independentismo prometeu un interesante portal, pero nunca deu chegado. Chámase Galiza-Livre.com e segue en obras pero apunta moi boas maneiras. Iso si, dentro del publicaron información sobre o 'Processo Espiral' de construcción do novo independentismo, que agrupa a varios colectivos ata o de agora esparexidos.

Un triste capítulo foi o protagonizado pola web do Frente de Estudiantes Sindicalistas, vinculada a Falange Española Independiente, no que aparecían nomes e fotos de militantes independentistas galegos. O FES dispón tamén de páxinas en Galicia, nos campus vigueses de Marcosende e Torrecedeira, e da universidade coruñesa. Tamén os nazis de Hispania Gothorum publicaron un suplemento imprimible, cunha listaxe de establecementos calificados como negocios independentistas de Galicia. Mercerías, bares e librerías son agrupados por localidades na sección Terrorismo.

Xa dentro do que sería un apartado de humor, xurdiu unha magnífica web, case que a web do ano: DiNiro Confidencial, unha retranqueira páxina sobre un dos personaxes máis controvertidos da política galega, Francisco Vázquez. Cun humor máis negro xurdiu, ao abeiro do suposto intento asasinato de Xosé Cuíña, a web José Martínes Núnhes, Patriota Galego, no que se felicita a José Martínez Núñez, un industrial do Barco de Valdeorras acusado de ordenar a morte do político galego. No mesmo ton está a web da Extrema Direita Pancéltica Galeguista Excluínte (EDPGE), unha organización que "vén actuando dende hai tempo dentro das diferentes organizacións do movemento nacionalista galego". Afortunadamente, todo é en coña.

Neste ano houbo varios aniversarios que celebrar. Sen ir máis lonxe, foi o 25 aniversario da morte de Franco e Vieiros publicou un dosier sobre "Franco e o franquismo na rede", no que poderedes consultar unha escolma das webs máis interesantes que sobre este personaxe atopamos na Internet. Claro que tamén foi o cabodano da morte de José Antonio Primo de Rivera, fundador e primeiro "Jefe Nacional" da Falanxe, fillo tamén do dictador Miguel Primo de Rivera. E máis: Buenaventura Durruti Dumange (León 1896-Madrid 1936), o xa case mítico dirixente anarquista, morreu tamén o 20 de novembro de 1936.
E non podía faltar... o dobre aniversario de Pablo Iglesias, o fundador do PSOE e da UGT. A revista El Socialista presentou un completísimo Especial Pablo Iglesias.


Arriba

11. Emigración na rede

As novas nesta sección foron poucas. O máis salientable foi quizais Fillos.org, unha web que pretende ser punto de encontro para os descendentes dos emigrantes galegos en calquera parte do mundo. Hai un taboleiro para buscar familiares, unha lista de correo (FILLOS-L), información xeral sobre Galicia e a súa historia, principais ligazóns, etc. Tamén xurdiu outro portal adicado á emigración: DesdeGalicia.com, que nace con vocación de unir os galegos que viven en Galicia coa comunidade galega do exterior.


Arriba

12. O deporte: un ano de éxitos

O venres 19 de maio o Deportivo fixo historia no deporte galego ao proclamarse campión da Liga Española de Fútbol logo de gañar ao Espanyol. Vieiros publicou daquela unha web especial chamada Dépor Campión coas estatísticas de toda a liga, os goles, a historia do clube... e as felicitacións de Pío Cabanillas, Francisco Vázquez, Meilán Gil, Manuel Rivas, Suso de Toro, Mercedes Peón, Xurxo Souto, Pepe Doré, Susana Seivane, Miguelanxo Prado, Andrés Díaz, Luís Suárez e moitos outros.

O outro acontecemento deportivo do ano foron, sen dúbida, os Xogos Olímpicos de Sydney, que contaron coa participación de 17 galegos e galegas, que competiron sobre todo en atletismo e piragüismo, ademais de taekwondo, triathlón, natación, vela e remo. Co gallo deste evento Vieiros presentou, co patrocinio de Caixa Galicia, unha web especial chamada GaliciaOlímpica.com, que achega información sobre os atletas galegos que participaron en Sydney e dá conta da presencia galega nas Olimpiadas ao longo da historia e inclúe entrevistas, apoio cibernético aos galegos en Australia, un percorrido dende Atenas 1896 ata agora e algunha que outra sorpresa.

Inmediatamente despois tiveron lugar os Xogos Paralímpicos, nos que participaron varios galegos, que obtiveron numerosas medallas. Tratábase de Juan Saavedra Reinaldo (tiro olímpico), Sebastián Rodríguez Veloso (natación), Pablo Cimadevila Alvarez (NATACIÓN), Pablo Saavedra Reinaldo (natación), Alvaro Illobre Saavedra (tenis) e Manuel Casas Vázquez, seleccionador nacional de tenis de mesa. Novidades de webs non houbo moitas. O Celta é un dos únicos equipos de Primeira División que non ten web oficial e segue sen tela. Mentres, o Rácing de Ferrol estreou a súa volta a Segunda con web baixo o brazo e o propio fixo o CD Lugo.


Arriba

13. Turismo 'on line'

Arredor do turismo naceron algunhas webs, como AGalicia.com, onde se pode atopar información sobre hoteis, apartamentos, turismo rural, balnearios, circuítos turísticos, turismo de aventura, etc. Amais de facer reservas en liña, pódese realizar calquera consulta que prometen respostar en menos de 24 horas.

Para angloparlantes a mellor solución foi a chegada por EuroAdventures.net, unha web en inglés que presenta o noso país como o "Paraíso celta agochado en España". Outra das estreas foi Mesaonline.net, cun sistema que permite facer reservas de mesa en 620 restaurantes de todo o Estado, especificando tipo de xantar, carta de viños, prezos, menús do día e outros servicios. A web de Turgalicia actualizouse e xa se pode reservar aloxamento de turismo rural a través da súa páxina.


1. A Rede en Galicia
2. O mundo das telecomunicacións
3. Noticias na rede e novos medios ("A febre do ouro")
4. A cultura e o lecer na rede
5. A rede, o mellor lugar para reivindicar
6. Mundo empresarial e un incipiente comercio electrónico
7. O galego e a Internet

Vieiros | Así foi o 2000: Cousas de Vieiros | Nadal en Vieiros | Arriba