|
|
|
|
| O 2000 foi un ano de consolidación de proxectos para Vieiros. Seguimos
potenciando a
información, comprometendo máis esforzos na elaboración de entrevistas e
especiais sobre as cousas importantes que acontecían no país. Neste emblemático
ano, o 24 de febreiro, cumprimos catro anos na rede. Catro anos que non fixeron máis que
consolidar milleiros de lectores que diariamente nos visitan. Ademais, a Enxebre Orde da Vieira
concedeunos o premio Galeguidade 2000 "por agrupar no ciberespacio ás comunidades galegas da
emigración". Orgullosos estamos ;)
Quen é Quen... no mundo das Telecomunicacións en Galicia Ao longo do ano fomos publicando entrevistas cos actores máis importantes do mundo das telecomunicacións no noso país. Enfronte dos xornalistas de Vieiros estiveron:
Entrevistas colectivas e compartidas: os chats Comezamos o ano co chat máis concorrido de todos os que fixemos nesta web: o protagonista foi Miguel de Lira, o actor que dá vida a Evaristo Currás, o "persebeiro" da serie Mareas Vivas. En febreiro, o personaxe que recibiu preguntas dos internautas no noso "chat-room" foi Fran Gómez Pallas, o piloto de motos de Carballo que participou na última edición do París-Dakar-Cairo. Conseguiu rematar esta dura proba e acabou no posto 88 da clasificación xeral. Xa en marzo, trouxemos a Suso de Toro, un dos máis exitosos novelistas da literatura galega contemporánea, que nos falou da súa nova novela, "Non volvas". Máis tarde, tocoulle a quenda a Santiago Jaureguizar, o escritor lugués que tamén presentaba a súa última novela, "Salitre". A última "víctima" dos nosos lectores foi Rodrigo Romaní, o ex compoñente de Milladoiro, que nos contou moitas cousas sobre o seu novo disco, sobre a súa aldea e sobre o momento que está a pasar a música galega. Novas edicións locais para a comunidade de Vieiros En febreiro, recuperamos a edición local de Vieiros Pontevedra da man de Xosé Rey, que a partir de entón nos informou case diariamente dos aconteceres da cidade do Lérez. O mesmo aconteceu coa edición da Coruña, que voltou no verán da man do xornalista Roberto Vázquez Noguerol. Claro que despois da época estival deixou de estar connosco Vieiros Vigo. Iso no que ás cidades se refire. No 2000, ampliamos a rede ás comarcas galegas. A primeira en chegar foi Vieiros O Ribeiro, coordinada e xestionada por Xurxo Rodríguez. Logo, voltaron dúas áreas do exterior, da chamada "Galicia non administrativa". Trátase de Vieiros Bierzo (dirixida por Gaspar Méndez) e Vieiros As Portelas, que durou pouco. En maio, démoslle a benvida a Vieiros O Salnés, realizado pola xornalista arousana Helena Domínguez e, en setembro, incorporouse Vieiros A Limia, da man de Ramiro Rodríguez. As comunidades galegas no exterior tamén se foron incorporando paulatinamente. Un físico galego residente na capital francesa, Carlos Salgado, tróuxonos as novidades que por alí acontecían e magníficas entrevistas a Vieiros París. Inés Abeijón contounos durante varios meses o que acontecía na cidade dos rañaceos, Nova York, e Ana Miranda fálanos dende marzo da actualidade na capital europea dende Vieiros Bruxelas. Durante un tempo, Xosé Manuel Barros encargouse de Vieiros México e, a finais de ano, unha brasileira, Valéria Terence, asumiu o reto de coordinar Vieiros São Paulo. Canles temáticas En marzo, Vieiros estreou unha nova canle temática, o Canal Irimia, unha reformulación daquel Bienio Irmandiño que durante un ano se publicou nesta web. Coma daquela, pretende ser o voceiro dos cristiáns galegos (e galeguistas) na rede, incluíndo traballos e reportaxes das revistas Irimia (Revista Quincenal de Crentes Galegos) e Encrucillada (Revista Galega de Pensamento Cristián, bimensual), ademais de noticias propias e colaboracións de diferentes persoeiros da cultura galega. A edición está xestionada por Victorino Pérez Prieto. E no verán, presentamos Vieiros Festas, unha edición na que podedes consultar todo tipo de espectáculos, festivais e festas que tiveron lugar por todo o país. Diariamente, informamos de todos os lugares onde soaba unha gaita ou había unha festa gastronómica, achegando ademais os programas de cada un dos principais eventos, xunto cun directorio de webs imprescindibles para moverse por Galicia en vacacións. A literatura en Vieiros Temos que recoñecelo. A literatura é un dos temas que máis nos motiva. E nótase. Ao longo de todo este ano, ademais dos chats con coñecidos escritores como Suso de Toro ou Jaureguizar, publicamos en exclusiva os dous primeiros capítulos de Non volvas, a nova novela de Suso de Toro que Xerais sacou un pouco máis tarde do prelo. No Día das Letras Galegas Vieiros presentou o primeiro libro electrónico de Galicia. Tratábase de "Por conto alleo", unha obra en formato PDF que reunía os 50 contos que o seu autor, Camilo Franco escribira durante 50 noites a partir de dúas palabras enviadas polos internautas. Ese día fixemos un monográfico sobre o autor homenaxeado, Manuel Murguía. Publicamos unha interesante entrevista que Wenceslao Fernández Flórez lle fixo para o xornal "El Noroeste" no seu 80 cumpreanos. E tamén textos de varios estudiosos da figura de Murguía, en concreto opinando sobre a normativa que debería ter o idioma galego. Así mesmo, demos a coñecer textos da súa autoría non coñecidos ata o momento (gracias a Isabel Seoane, unha investigadora da Universidade de Deusto). En pleno verán, unha mala nova deixou orfos a milleiros de lectores. O 18 de xullo morría o magnífico poeta ourensán José Ángel Valente. Varios poetas galegos (e admiradores) escribiron para Vieiros un poema adicado a el nesta páxina de homenaxe que vos ofrecemos naquel momento. Aquí lle quedaron as verbas de Luz Pozo Garza, Arcadio López Casanova, Eduardo Estévez, Diego Ameixeiras e Raúl Bentraces. Asemade, incluimos as Séte Cántigas de Alén, a súa única obra publicada en galego, xunto con outros emblemáticos poemas en español. Tamén Francisco Xosé Fernández Naval escribiu uns textos sobre este ourensán ilustre. En outubro, botamos a andar outro experimento literario chamado "Familia Feliz", que protagonizou ata finais de ano o escritor lugués Jaureguizar e que reclama a colaboración dos lectores. ¿En que consistía? O escritor vasco-galego publicou todos os venres un relato nestas páxinas, ata un total de dez. A partir deles, o autor propoñíalle aos lectores que completasen, ampliasen ou contrastasen o espírito e a forma dos contos por medio dun dos métodos de comunicación máis completos e dinámicos: as hiperligazóns. Vencellando webs a determinadas palabras ou frases pódese confirmar ou variar o sentido do conto, facer del unha viaxe aberta e converterte en coautor ou coautora do relato. Entre os agasallos que Vieiros lles ofreceu aos seus lectores este Nadal había varios libros de escritores galegos. No que a narrativa se refire, presentamos en exclusiva o novo libro de Fran Alonso, "Males de cabeza", varios relatos deste escritor e xornalista vigués arredor da tolemia. Tamén en PDF, podedes baixar "Por conto alleo", de Camilo Franco, o primeiro libro electrónico de Galicia. En canto a poesía, da man de Retagarda Edicións, presentamos -en PDF ou en executable- as últimas novidades literarias de Rafa Villar ("ícaro"), Eduardo Estévez ("os veos da paisaxe") e Estevo Creus ("O libro dos cans"). As eleccións en Vieiros: Xerais 2000 As eleccións ao Congreso e ao Senado do 12-M ben mereceron un especial de Vieiros: Xerais 2000. Nel fomos informando a diario do que acontecía na campaña en Galicia, ademais de presentar os programas das tres principais opcións políticas: PP, PSOE e BNG, comparativas entre eles e un seguimento especial da xornada electoral. O resultado xa o saben todos: maioría absoluta do PP, tres escanos para o BNG e descalabro total para o PSOE. Galicia en Sydney 2000 A máis importante cita deportiva tivo presencia galega. E Vieiros non foi alleo ao acontecemento. Durante os Xogos Olímpicos de Sydney fixémoslle un seguimento especial á participación de 17 galegos e galegas, que competiron sobre todo en atletismo e piragüismo, ademais de taekwondo, triathlón, natación, vela e remo. Co apoio de Caixa Galicia, publicamos unha web especial chamada GaliciaOlímpica.com, con todos os atletas galegos de onte e hoxe que participaron nas Olimpiadas. Entrevistas, información actualizada, apoio cibernético aos galegos en Australia, un percorrido dende Atenas 1896 ata agora e algunha que outra sorpresa. E ao longo destas dúas semanas de Olimpiada ofrecerémosvos tamén información diaria sobre os Xogos en Vieiros Sydney 2000. Concursos de Vieiros En colaboración coa discográfica Boa Music, Vieiros comezou en outubro un concurso a través do cal se podían gañar varios CDs de música galega. Cada semana, presentamos un disco diferente e fixemos preguntas sobre el e os seus autores. Os que as acertaban entraban nun sorteo de dez copias de cada un dos seguintes traballos: Paisaxes, un recompilatorio do mellor do folc galego; Folla de lata, o último de Chouteira; Circo Montecuruto, de Os Cempés; e Albeida, o primeiro disco en solitario de Rodrigo Romaní. Pero o concurso máis divertido foi o do cabalo de Franco. Vieiros e varios colectivos cidadáns de Ferrol chegaron á conclusión de que xa abondaba co cabalo de marras. Cinco lustros son moitos para aturar tan terrible herdanza artística dun réxime dictatorial. Así que pedímoslle aos nosos lectores que nos dixeran: ¿Que farías coa estatua?. Trátase dun concurso de ideas, cun xurado composto por varios persoeiros de Ferrol, no que o gañador ou gañadora conseguirá unha fin de semana nesta cidade con todos os gastos pagos para dúas persoas. Darase a coñecer o resultado o 7 de xaneiro. Pero xa podes ler as mellores propostas... Entrevistas e debates... Velaquí mostrámosvos unha manchea de propostas varias que fomos presentando ao longo do ano:
Nadal en Vieiros En Vieiros, comezamos o Nadal do 2000 cunha iniciativa a prol do pobo xitano, en colaboración con Vieiros Ferrol, que mestura arte, novas tecnoloxías e solidariedade en apoio da minoría xitana. Xuntamos na web No país da brétema (en caló "And-o them katar i muxli") as obras de 14 artistas plásticos galegos (Menchu Lamas, Pamen Pereira, Xaquín Marín, Siro...) que achegaron cadansúa obra a esta causa. O diñeiro recadado, gracias a outras tantas empresas que adquiriron as obras, será para a Asociación Chavós (rapaces) de Ferrol. E, ademais, ofrecémoslle ao lector unha serie de "ciberagasallos" que poden baixar da rede. No que a narrativa se refire, presentamos en exclusiva o novo libro de Fran Alonso, "Males de cabeza", varios relatos deste escritor e xornalista vigués arredor da tolemia. Tamén en PDF, podedes baixar "Por conto alleo", de Camilo Franco, o primeiro libro electrónico de Galicia. En canto a poesía, da man de Retagarda Edicións, presentamos -en PDF ou en executable- as últimas novidades literarias de Rafa Villar ("ícaro"), Eduardo Estévez ("os veos da paisaxe") e Estevo Creus ("O libro dos cans"). Se o voso é a música cañeira, baixade as tres cancións en MP3 dos Túzaros, os Papaqueixose os Zënzar. Ademais, temos as clásicas postais de Nadal e fondos de pantalla, realizados ambos os dous por artistas plásticos galegos. Vieiros | Así foi o 2000: Cousas de Galicia | Nadal en Vieiros | Arriba |