|
Hai máis de douscentos anos comenzou a traballar en Sargadelos un complexo industrial deseñado na súa totalidade coma unha moderna empresa que representou pra Galiza unha nova relación de producción, aproveitando e engadindo valor a os recursos naturais da mesma comarca. O seu criador, Antonio Raymundo Ibáñez, un ilustrado galaico-asturiano, ao que o povo e os primeiros historiadores fixeron Marqués de Sargadelos, concebiu no derradeiro tercio do século XVIII unha siderurxia integral, que se adicou fundamentalmente á producción de material bélico. Como epígono, nos primeiros anos do século XIX creou unha fábrica de cerámica que introduxo na España, entre outras innovacións, o decorado mecánico. En 1809, Ibáñez foi arrastrado polas rúas de Ribadeo nun dos pasaxes máis dramáticos e escuros da nosa historia, mais as súas fábricas, con diversas vicisitudes, continuaron traballando deica o 1875.Pasado un século, un proxecto recuperador da memoria histórica de Galiza, o Laboratorio de Formas, concebido por transterrados galegos na América do sur, restaura a producción de cerámica en Sargadelos, crea o Museo Carlos Maside, Gráficas e Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información, e axuda á recuperación do Seminario de Estudos Galego, no que, entre outras áreas, intégrase o Laboratorio Xeolóxico de Laxe da Fundación Parga Pondal. O Laboratorio de Formas crea, asimesmo, o Seminario de Sargadelos, no que se centraliza o labor de investigación, estruturándose nun departamento de estudos técnicos e noutro de comunicación, no que se desenvolven tecnoloxía e deseño. Os complexos do Castro de Samoedo (Sada) e Sargadelos (Cervo) non responden a un deseño preconcebido dunha soa vez. Nasceron sen un orden de realización, posibilitados por esforzos e recursos, mais ben patrióticos, chegados de xeito irregular con dificultades e incomprensiós de todo tipo. Emporiso as suas partes fican vencelladas por unha arela común: traballar a prol do pais, estudando, producindo e divulgando. Asi, as cerámicas de Sargadelos caracterízanse por estar feitas de unha materia prima de calidade, con deseños que combinan tradición e modernidade. Estilos que usan chamas, espirais e trenzados de inspiración tradicional, pezas estilizadas fieis ás modernas influencias, forma e cor en harmonía. Galerías Sargadelos
|