|
Por riba das evocacións relixiosas, o Nadal foi sempre,
é aínda, un tempo reservado para o reencontro familiar
e a reflexión, para vivirmos con intensidade as noites
máis longas e iluminarmos con luces, fitas de prata e
panxoliñas a escuridade do inverno. A casa convértese
no espacio protagonista e por iso decorámola como o
salón dunha verbena que dura ata a entrada do novo ano. Este
divertido "rito dos adornos" inclúe a preparación da
Árbore, unha actividade que resulta especialmente atractiva
para a xente máis nova.
A inclusión da Árbore de Nadal dentro dos costumes
destas datas é relativamente moderna pois trátase dunha
tradición importada dos países nórdicos e
centroeuropeos que, ata practicamente mediados deste século,
non se coñecía en Galicia. Hai uns cincuenta anos os e
as emigrantes galegas na Suíza, a Alemaña e outras
zonas interiores do continente, trouxeron canda si esta nova maneira
de festexar o Nadal. Mais, aínda que o costume veña de
fora, non resulta estraño que un país como o noso o
asimilase tan ben. A veneración polas árbores, como
fonte natural de riqueza, sempre estivo ben presente na nosa cultura;
así os Maios, que antano foron populares en toda Galicia, son
precisamente un recoñecemento ao renacer da natureza, coas
árbores como protagonistas.
O piñeiro, e mais modernamente o abeto, representan, coas
súas follas perennes, o triunfo da vida na estación do
inverno. A árbore, a pesar da neve e da xiada, continúa
a traernos os seus agasallos cando máis falta nos fan:
piñas, troncos e garabullos axúdannos a manter aceso o
lume, que nos dá luz e calor na invernía. Estes
presentes transfórmanse durante o Nadal en xoguetes,
larpeiradas, libros, discos e outras cousiñas, que "aparecen"
maxicamente ao pé da árbore para encher de
ilusión a Noiteboa... Nuns lugares o encargado de traer os
presentes é San Nicolau, noutras o Meniño Xesús,
Euskadi conta co seu Lentzero e Cataluña co Tió...
Aos galegos e galegas os agasallos probablemente nos chegan da
árbore, sen ningún tipo de intermediario, e, en torno a
este piñeiro virtual, reunímonos, mais unha vez, para
convivirmos con quen está lonxe, para agradecermos á
terra os dons e conscienciármonos do seu coidado, para
saudarmos xuntos a chegada do último ano do milenio. No
especial do Nadal 98 de Vieiros propoñémosche, como
cada ano, que desfrutes connosco dunha festa en que tamén ti
es parte da familia, a grande familia galega.
|
|
Así foi 1998 |
| Crónica anual dos feitos máis significativos que se produciron na rede, en Galicia e no mundo e que apareceron diaramente na nosa páxina principal. |
|
Presentes galegos |
| Fai un nadal máis galego cos galanos que che propomos. |
|
Postais |
| Os traballos de Xaquín Marín, Sonia Álvarez, Xan Muras e Kiko Delgado serven para que felicitéde-lo nadal e aninovo a calquera punto do mundo. |
|
Comidas do Nadal |
| As receitas de Paco Feixó para cociñar nestas festas |
|
O Nadal noutras culturas |
| Para coñecer como celebran estas festas noutros paises e noutras culturas. |
|