O Nadal, chámese como se chame, é unha das festas
máis antigas da humanidade. Era en realidade a festa do sol, o
solsticio de inverno (21-22 de decembro), cando os días
comezan a medrar e a recuperar terreo con respecto á
noite. Estaba tamén moi relacionada co lume e a súa
simboloxía. Pero isto acontecía en case tódalas
culturas do mundo, non só na cristiá. Así que no
século IV o cristianismo adoptou a data do 25 de decembro para
conmemorar o nacemento de Xesús Cristo aproveitando esas
celebracións pagás. Así que en todo o mundo hai
festas nesta época, aínda que non saiban quen é
un pobre neno que naceu nunha corte dunha pequena aldea
palestina.
Xa que logo, imos ver como se pasan estas festas noutros
países e noutras culturas. Veremos como o fan os nosos
veciños bascos e cataláns, os xudeos, os
afroamericanos, os musulmáns e os galeses, por poñer
varios exemplos. E para os "fetichistas" do Nadal, velaquí
unha páxina, Christmas.com,
con información de como se celebran estas festas en
tódolos países do mundo (aínda que se esquece
dos máis pequenos).
Bo Nadal internacional!
Hanuka, a victoria dun pobo errante
A festa xudea de Hanuka
conmemora a victoria da rebelión militar dos macabeos en
Xudea, no século II a.C., contra a helenización
relixiosa e cultural que impuña o rei sirio Antíoco.
Hanuka é unha das festas xudeas con máis arraigo
popular (antes ca de fundamento relixioso, xa que non é unha
festividade con base bíblica). Celébrase en decembro,
nun sinxelo rito que se realiza en cada familia, que consiste en
acender unhas pequenas velas nun candelabro especial chamado
"menora". Durante as oito noites que dura a festa, vaise aumentando o
número de velas acesas cada serán. Danse agasallos aos
nenos, estes adícanse a xogos tradicionais ("dreidel"),
prepáranse unhas deliciosas tortas de pataca ("latkes") para
comer, e a familia disfruta cantando cancións en hebreo ou en
yidish. Noutras webs, coma a da Unión
de Congregacións Xudeo Americanas, pódese atopar a
historia desta celebración, receitas, símbolos,
costumes, etc; ou tamén os temas
a discutir en familia, as cancións e os xogos. É
tamén interesante a páxina de Xerusalén Virtual
sobre Chanukah 98 (mellor
dito, é o ano 5759).
Kwanzaa, ou voltar ás
raíces
O Kwanzaa
é unha festa non relixiosa da comunidade afroamericana, que
está baseada nas celebracións africanas da colleita. O
seu nome vén do swahili e significa "primeiras froitas".
Comeza o 26 de decembro e remata o 1 de xaneiro. Nela
recórdanse os éxitos do ano e lémbrase a
historia afroamericana. En cada día do Kwanzaa faise
énfase nun dos sete principios, que se representan con
cadansúa vela: unidade, autodeterminación, traballo
colectivo e responsabilidade, economía cooperativista,
propósito, creatividade e fe. E, por suposto, fanse comidas
especiais nesta época.
Nadal català cun tronco
máxico
No Nadal
catalán conviven dous xeitos de celebrar o Nadal, que non
son excluíntes e normalmente celébranse os dous na
mesma familia. Por unha banda están os Reis Magos,
comúns a toda a Península, e pola outra está
El Tió,
un toro de árbore grande que se pón na cociña
que lle dá os agasallos aos nenos e logo se queima. Este
tronco convértese nun animal fantástico ao
poñerlle lingua nariz e ollos. Na cidade o Tió é
un personaxe que semella unha besta que chega cada ano antes do
Nadal, vive na cociña ou no comedor, haino que alimentar e
logo el, o día 24, tráelle os agasallos aos máis
novos. Estes presentes cambiaron cos tempos: ao comezo eran sobre
todo doces e larpeiradas, pero hoxe xa son agasallos máis
importantes. Pero o máis curioso é que o Tió
caga os presentes. Si, leron ben: cágaos, e logo os da casa
cántanlle cancións.
Nadolig, retallos da herdanza
celta
No Nadolig
(Nadal en galés) xa quedan -desgraciadamente- poucas das
tradicións pagás -se cadra de orixe celta- que foron
adaptadas logo ás distintas versións do cristianismo.
Todo comezaba cunha ben curiosa declaración de principios:
poñían o arado debaixo da mesa onde se comía
como mostra de que nesas tres semanas non se traballaba. E dende
Noiteboa ata a mañá seguinte celebrábase o
plygain (canto do galo), no que os mozos corrían polas
rúas levando grandes fachos acesos e fachucos, soprando cornos
e berrando coplas mentres as mulleres competían por teren a
candea máis adornada. E aínda hoxe no suroeste de Gales
se segue a ir polas casas cantando panxoliñas, malia que
noutras zonas prohibiuse o plygain coa chegada do
protestantismo porque dicía que os homes chegaban sempre
borrachos aos oficios relixiosos. Mais o día importante para
os galeses -vido a menos porque non se vende nada- é o dia de
Noitevella. Tradicionalmente os mozos percorren a vila cantando e
desexando feliz aninovo. Pero o máis curioso é que un
cambio no calendario en 1752 produciu un desfase nas mentes festeiras
dos galeses e aínda hoxe se celebra no pobo de Cwmgwan o
día de Aninovo o 13 de xaneiro e o día de Noiteboa o 6
de xaneiro, onde homes e mozos levaban polas casas dos veciños
o Mary Lwyd: unha caveira de cabalo especialmente preparada
tras ser enterrada en cal vivo ou que fora metida baixo terra tralas
festas do ano anterior. Esta é unha cerimonia
precristiá aínda viva en moitas aldeas.
Precristiá como o é "Halloween", tradición
céltica que marca o comezo do inverno e que sobrevive gracias
a que superou a proba fundamental do calendario festivo
contemporáneo: o mercado. Pero, en realidade, non é
máis ca unha noite onde hai que queimar os malos
espíritos que en Gales se manifestan de xeito moi similar
á Santa Compaña en Galicia.
Tamén podemos ler un texto
de Dylan Thomas, o máis famoso poeta galés, sobre o
Nadolig.
Olentzero, o rexurdimento da tradición
basca
Olentzero
é un personaxe nacido da imaxinación popular basca,
comparable a Papa Noel para outros, e coa mesma función de
aparecer na Noiteboa para traer agasallos aos nenos.
Represéntase coma un vello pastor ou carboeiro, mal vestido,
gordo, de cara suxa, pero sorrinte e simpático, baixando do
monte, posiblemente para traer a noticia do nacemento de
Xesús. Non se sabe con seguridade nin de onde vén o
nome (que ten coma variantes "Olentzaro", "Onentzaro" e outras) nin
tampouco cal é a orixe desta tradición. O certo
é que no século vinte moitos educadores nacionalistas
fixeron fincapé nela polo seu potencial diferenciador "basco"
frente á tradición española orientada aos Reis
Magos coma portadores dos agasallos. Existen numerosas
cancións de Nadal moi populares que, facendo referencia ao
Olentzero, se cantan nas casas bascas nestas datas, mentres que as
rúas se decoran con olentzeros e os nenos compiten para
construir os mellores bonecos. Hoxe día, pódese engadir
ás numerosas divisións que tenden a polarizar á
sociedade basca, a distinción, mellor humorada cá
moitas outras, entre aquelas familias que reciben os regalos da man
de Olentzero o 24 de decembro e os que deben agardar á chegada
dos Reis o día 6, xa que para a xeneralidade dos bascos
dalgunha idade Olentzero séguese a considerar como algo
moderno, practicamente un producto das ikastolas.
Ramadán, un tempo de
adoración
O Ramadán
é o noveno mes do calendario musulmán. É un mes
de xexún: durante estes 30 días só poden comer e
beber cando cae o sol. Tampouco poden fumar nin manter relacións sexuais. Pero ao final do día, o xexún remátase cunha oración e cunha comida lixeira chamada iftar . Logo vaise visitar á familia e aos amigos. O Ramadán é un tempo de adoración e contemplación, nel celébrase que o Corán foi enviado aos profetas por Alá neste mes. Os musulmáns hanse de concentrar na súa fe e deben perder o menor tempo posible facendo as tarefas cotiás. |