|
||||||
A Rede en Galicia Unha vez solucionado o problema do tránsito da vella Infovía a Infovía Plus (que tantos problemas causou a todos), Telefónica sorprendeunos a todos cun novo nodo local de Infovía Plus en Vilagarcía (iso si, sen avisar a ninguén). Os arousáns a partir de febreiro puideron marcar o 986 545 000 para se conectaren. E o Consello da Xunta do día 5 de febreiro aprobou un decreto polo que se regulamenta a utilización de Internet por parte da Administración galega e do persoal ó seu servicio, polo que se compromete a fomentar a utilización da rede como canle de comunicación a disposición dos galegos. En maio outro Consello da Xunta autorizou a sinatura dun acordo con Telefónica para estender a conexión a Internet de 91 centros de ensino máis, que se suman ao convenio de colaboración subscrito con esta operadora no que se establecía a dotación de acceso á rede a 256 centros docentes. Isto en canto a cuestións técnicas, pero en canto a contidos, houbo sorpresas interesantes. Tamén en febreiro chegou á rede de Nosnet.com, o directorio de recursos da Mariña de Lugo en Internet. E en marzo a Deputación da Coruña puxo en marcha un buscador para a provincia, Merlín. Alá por maio inaugurouse Pangalaica.com, un completísimo portal de servicios, onde se pode atopar información económica, cultural, turística, onde mercar... que reune varias guías locais de comarcas como Fisterra, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Britonia (que abrangue dende a Mariña luguesa ata o Asturias galego). Outra das novidades foi Agroline, un buscador temático dedicado ao mundo agroalimentario, un proxecto piloto desenvolvido polo centro de recursos Agrobyte, dependente da Escola Politécnica Superior da USC en Lugo. A Estrada estreou un magnífico portal que traerá á rede información sobre esta vila, ademais de todo tipo de datos económicos sociais e culturais. AEstrada.net inclúe asimesmo un directorio con información sobre empresas e organismos locais, coa intención de promover na Internet a súa economía. Tamén desembarcaron en Galicia portais españois, como foi o caso de Canal 21, que creou o apartado Canal 21 Galicia. Xurdiron tamén proxectos relacionados coas novas tecnoloxías, como foi o caso do Proxecto Pegaso, promovido pola Mancomunidade de Vigo e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Confederación de Empresarios de Pontevedra, que pretende impulsar o uso das novas tecnoloxías da información entre os directivos e traballadores das empresas de Vigo e da súa área de influencia. Ou A Ponte, un proxecto de demostración sobre o impacto das novas Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) no ensino. O enfoque radica na problemática específica das comunidades educativas de Galicia e Norte de Portugal, causada polo carácter rural das zonas. O Observatorio Urbano do Eixo Atlántico presentou o seu portal para o vindeiro século: Xanela.com. Unha páxina á que se pode acceder en galego, portugués, inglés e español, na que se investiron 500 millóns ata o de agora. Inclúe gran cantidade de información e contidos. E en abril a ISOC-Galicia foi oficialmente recoñecida pola Internet Society coma un dos seus capítulos. Os promotores deste proxecto, concretamente o seu coordinador Ángel González, recibiron o comunicado de aceptación, xunto cunha felicitación de Vinton Cerf, presidente da Internet Society e considerado como o pai da Internet. Claro que dous meses máis tarde Santiago era nomeada sede da ISOC no Estado español, segundo anunciou o embaixador español en Dinamarca, José Luís Pardos, logo de se entrevistar con Manuel Fraga. Esta decisión adoptouse logo de visitar as instalacións do CESGA e de comprobar o seu elevado desenvolvemento electrónico. En setembro naceu un novo foro de discusión chamado Galiza, promovido por un dos máis activos internautas galegos, o profesor da Universidade da Coruña Celso Álvarez Cáccamo. Nel poderase falar de calquera tema de interese xeral referido ao noso país, as súas relacións con Portugal e outros países afíns. Quen queira subscribirse a esta lista pode facelo enviando unha mensaxe en branco a galiza-subscribe@egroups.com. Se só queren enviar mensaxes á lista, abonda con galiza@egroups.com. A Coruña acolleu a mediados de decembro a I Feira Atlántica de Comercio Electrónico e a Empresa en Internet (COMMERX 99), organizado por ISOC Galicia. Esta feira pretendía achegar unha visión xeral do estado do comercio electrónico ás empresas galegas. Novos soportes, novos medios A tan cacarexada "sociedade da información" trouxo novos fenómenos xornalísticos á rede galega. O máis salientable foi a aparición da revista Ómnibus, unha publicación electrónica mensual que naceu coa esperanza de crear unha nova cultura crítica da sociedade galega. Xurdiu tamén Gaceta de Galicia, unha revista electrónica semanal realizada por alumnos da Facultade de Xornalismo de Santiago. En outubro o servicio de prensa da Universidade de Santiago estreou un Xornal Electrónico coa actualidade diaria do que acontece nos campus de Compostela e de Lugo. Entre os que xa estaban na rede, El Correo Gallego presentou en febreiro a súa nova web, que melloraba sensiblemente a anterior. Ao longo do ano fórona mellorando, engadíndolle novas seccións, etc. Tamén mudou a web da CRTVG, pero non visualmente, senón que agora pódese acceder dende outros dominios como www.radiogalega.es ou www.tvg.es, ademais de ampliar os seus contidos. Tamén se animaron a mercar dominio os de A Nosa Terra, que antes colgaban do servidor de Arrakis. O Padroado de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra presentou en outubro o Rías Baixas Magazine, unha revista dixital de promoción da provincia de Pontevedra. Pero unha das mellores webs que xurdiu no 99 foi, sen dúbida, a do Deportivo da Coruña, Canal Deportivo. A web, ademais de ofrecer detallada información sobre o clube nas súas páxinas fixas, funciona coma unha caste de diario electrónico deportivista, con noticias puntuais sobre todo o que pase cada día en relación co Dépor: notas de prensa, partes médicos, fichaxes, declaracións de xogadores, etc. Dende o sur chega La Ría de Vigo, subtitulada "La actualidad en titulares", unha web que nos trae todas as mañás os titulares máis importantes dos xornais españois e europeos, que prometen enviar en breve por correo electrónico. Ademais, un chat, anuncios breves, opinión e outros servicios, como bolsa de emprego e información inmobiliaria. Cómpre salientar unha interesante web chamada A Rama Guinda, "O Caderno de Recursos Poéticos". Segundo a súa propia definición na editorial, estamos a falar do "voceiro da insurxencia poética galega". Con base en Ferrol e colaboradores polo mundo adiante, esta singular revista publica textos de Fermín Muguruza, Bertold Brecht, James Joyce... en galego; así como unha entrevista a Noam Chomsky e artigos de diferente tipo, un taboleiro de solidariedade, etc. A publicación escolar Redacción Xove renovou a súa páxina con importantes melloras, pero mantivo un pequeno roce por unha reportaxe na que acusa a un grupo de Falange Española Independiente (FES) de Vigo de ameazar a mozos nacionalistas no seu intento de expansión pola Universidade e os institutos da zona. O caso é que a resposta a esta reportaxe non se fixo agardar, na web da FES poden atopar a súa versión dos feitos: aseguran seren acusados sen probas e afirman que están a pensar en utilizar a vía xudicial para frear as "calumnias". O Galego e a Internet O 99 foi un ano de consolidación dun grande e interesante proxecto para o galego e a informática, para o cal se uniron todos os "activistas" do galego na rede: Galego21.org, o galego no terceiro milenio. Esta páxina pretende reunir no seu interior todas as iniciativas a prol do galego na informática: o Proxecto Xis (un navegador en galego), o Rianxo (está na rede a versión 0.5 deste traductor galego-español-galego), o Rábade (versión 0.1 deste cursiño de galego en liña) e o Proxecto Tomiño, que tenta poñer os textos da literatura galega en formato dixital na rede e de xeito gratuíto. A comezos do ano saíu a versión definitiva do navegador en galego o Xis. Dende entón xa se pode baixar a versión galega do Communicator de Netscape, logo de que abrira o seu código fonte. Pódese elixir a versión básica (con correo, navegador, novas e editor HTML) ou a completa (con conference e Netcaste). Polo de agora só existe para Windows 95 ou NT. Un día de abril Vieiros amenceu coa noticia de que a partir de entón calquera persoa podería utilizar o enderezo que máis lle guste, co dominio que prefira. E foi gracias a un rapaz sueco de 17 anos, Mikael Johansson, que co nome de http2 creou un sistema de redireccionamento de enderezos. Por exemplo, probade con este: http2//www.vieiros.ga. O "quid" da cuestión baséase nun truco que funciona co Netscape, aínda que dá problemas co Explorer: no canto de poñer http:// ao comezo, hai que poñer http2//. Cultura e lecer A cultura e o lecer continuaron incorporándose á rede coma o resto dos sectores da sociedade. Houbo novidades importantes, como a aparición da web da Editorial Galaxia aló por abril, así como a de Nigra Imaxe. Tamén se celebra a chegada do Consello da Cultura Galega, que ademais retransmite en directo a través da rede moitos dos seus actos. No que a música se refire, foron novidade Fuxan os Ventos e Luar na Lubre, ambos os dous grupos cunha excelente web. Tamén incorporamos a web do grupo arxentino de folk celta Xeito Novo. E no que se refire a literatura, o máis orixinal foi Xelís de Toro, que presentou o seu libro Os saltimbanquis no paraíso dende Londres a través de Internet. Dende a súa web, pódense ler os capítulos 2, 4 e 5 deste libro, ademais de catro textos invisibles (dous deles, poemas), a historia do título e as súas influencias cinematográficas. E non podía faltar unha Historia de Galicia en liña. Nesta web o noso pasado vaise contando a través de ligazóns a outras webs, sendo tan só a páxina un fío conductor. Contén máis dun cento de enlaces a páxinas que nos contan como se vivía dende o Neolítico ata o presente. E, falando de historia, un coñecido internauta, Fran Morell, vén de publicar unha web, en galego, castelán e inglés, chamada Don Manuel: Unha vida entregada ao servicio de España, unha biografía do presidente da Xunta que fai especial fincapé no lado "escuro" da súa vida política. E en xuño comezou o III Congreso Internacional de Historia a Debate, que incluía por primeira vez a posibilidade de ser seguido por Internet, no que os organizadores chaman o I Congreso Virtual de Historia a Debate. A Consellería de Cultura puxo en liña a web do Arquivo do Reino de Galicia, que inclúe coa historia desta institución, o seu edificio, os fondos que o arquivo custodia, os servicios cos que conta e as publicacións que edita. O que si foi un fenómeno foi a proliferación de webs sobre o Camiño de Santiago. Á parte da oficial do Xacobeo, xurdiron ducias e ducias, entre as que cómpre salientar Tu Camino a Santiago, de Teleline, e El Camino Digital, de El País. Tamén estrearon web a Asociación Internacional de Estudios Galegos e a Real Academia Galega das Ciencias. E, como informamos na sección Vieiros 99, Vieiros preparou, coma todos os anos, un Especial das Letras Galegas, adicado este ano á figura do xornalista e poeta Roberto Blanco Torres. Démoslle a benvida tamén á web de LetrasChairegas.com, unha orixinal iniciativa que instaurou o 21 de marzo como o día no que se honrará a un escritor -morto ou vivo- e á literatura en conxunto desta zona. A finais de ano estreouse a web do colectivo eonaviego Cotarelo Valledor de escritores na lingua galega do Eo-Navia. Claro que unha das ideas máis salientables para o turismo-lecer xurdiu do sur: foi a web MovidaGalega.com, un espacio adicado á zona máis turística das Rías Baixas: Portonovo e Sanxenxo. Nesta páxina poderán obter información sobre aloxamentos, cámpings, as súas praias, os mellores locais de marcha e mesmo unha axenda cos mellores concertos de Galicia. Mundo empresarial Dende Vieiros fomos seguindo o ronsel das máis importantes empresas galegas. Se ben a maioría delas xa estaban en liña, apareceron neste ano esperadas webs coma a de Caramelo, un dos máis famosos deseñadores galegos, ou a de Pull&Bear, unha das máis novas empresas do Grupo Inditex (Zara). A máis espectacular foi a web de Citroen, de deseño case insuperable. Unha iniciativa orixinal foi o aluguer de cintas de vídeo na rede da empresa Cinebank-Lugo, que se adica ao aluguer de cintas de vídeo en caixeiros automáticos e agora permite aos seus clientes facer a escolla dos filmes dende a casa. Tamén se incorporou á rede o Príncipe Azul, Bonito do Norte, así como a web da Associação de Empresários Galegos em Portugal (AEGAP), organización pertencente asimesmo á FEGAEX (Federación de Empresarios Galegos no Exterior). E a única novidade salientable no campo do comercio electrónico foi a chegada de Pazo Galego, unha tenda virtual dedicada á venda de productos gastronómicos galegos. Con textos en inglés e en español, este ultramarinos virtual promovido polo Parque Tecnolóxico de Galicia está enfocado especialmente a vender nos Estados Unidos. Polo momento son 60 empresas as que expoñen máis de 150 productos naste web, que está aberta a todos as empresas, grandes ou pequenas, que queiran exportar o seu producto. Pola súa banda, a Universidade de Santiago impartiu cursos con simuladores empresariais a través de Internet, nunha anovadora iniciativa que permite aos alumnos do curso sobre dirección de márqueting alimentario poder seguilo a calquera hora pola rede. Este sistema de formación baséase nun simulador que obriga aos estudiantes a asumir a dirección dunha empresa. O simulador foi creado pola Aula de Productos Lácteos da USC en colaboración coa emprea Praxis Hispania, e permite reproducir fielmente o comportamento do mercado. Poden atopar toda a información nesta web do proxecto en Expofood.com, unha "feira virtual" que nace co obxectivo de concentrar e organizar todos os recursos que existen en Internet con referencia ao sector agroalimentario. As telecomunicacións En xaneiro presentouse na Zona Franca de Vigo a primeira operadora de telecomunicacións galega, Comunitel, unha empresa dirixida ás pemas, que ofrece servicios de telefonía e Internet. E febreiro foi o mes das teleocmunicacións en Galicia, nomeado pola Consellería de Cultura e Comunicación Social. Houbo xornadas sobre telecomunicacións, sobre cinema, cibercultura e, por suposto, tivo lugar o MITE 99 no recinto feiral da Semana Verde de Silleda. Foi a mellor das edicións celebradas ata o momento e un dos "stands" máis sorprendentes foi o de Cable Galicia R presentouse en sociedade o 30 de xuño dun xeito espectacular e xa comezou a prestar servicios na Coruña, Santiago e Vigo, e a finais de ano 40.000 fogares dispoñen do servicio que integra teléfono, TV e Internet. En setembro asinou un acordo con Sogecable para a distribución dunha serie de canles de televisión: Sportmanía, Documanía, Fox Kids (nenos), CNN+, 40 TV (música), Fashion TV (moda), Estilo y Viajar (para familias), Canal C: (novas tecnoloxías) e Cinemanía, aínda que esta opción non estará no paquete básico. Ademais, esta empresa foi designada gañadora do concurso convocado por Fomento para a creación dun centro de servicios avanzados sobre Internet de banda ancha destinado ao sector das pemes de Galicia. Este centro desenvolverase en máis de 70 empresas da área de Vigo nos vindeiros dous anos. Este proxecto realízase conxuntamente coa Escola de Negocios de Caixavigo, o consorcio da Zona Franca e a Mancomunidade da Área Intermunicipal olívica. Nestes dous anos, R deseñará e implantará servicios de comercio electrónico, teleformación, servicios de teletraballo, e servicios de información acordes coas necesidades e natureza das pemes participantes. Reivindicando na WWW A rede é o lugar perfecto para as reivindicacións: non hai censura e cadaquén pode dicir o que queira. Así, xurdiron webs coma Galicia volve arder en 1999, con datos que producen callafríos e nun ton que pon en "dúbida" a xestión da Xunta na extinción dos lumes. Nesta web de Raquel González reclámase máis música galega na TVG e na radio pública. Ou mesmo denunciaron a Vieiros que na web da Xunta (Consellería de Educación) aparecen listados con datos confidenciais sobre un gran número de persoas, neste caso, candidatos admitidos ás oposicións de ensino primario de 1997, como son os seus números de DNI. Asimesmo, unha web persoal protesta pola instalación duns depósitos con residuos perigosos no porto de Vilagarcía. Outra reclamación na rede é Na Galiza Umha Hora Menos: o noso país debería pertencer por situación xeográfica á mesma faixa horaria ca Irlanda, Inglaterra, Portugal ou as Illas Canarias. Tamén estreou a finais de ano páxina web o colectivo Nais e Pais polo Ensino en Galego, grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego. E dende a Costa da Morte reclamouse o salvamente dun dos espacios de grande interese natural e cultural mellor conservados en Galicia: os penedos de Fisterra, ameazados pola implantación dunhas canteiras para a extracción de granito. As eleccións: europeas e municipais O 13 de xuño celebráronse as eleccións con máis presencia en Internet. Tanto para as municipais coma para as europeas, partidos e institucións puxeron toda a carne no asador e toda a maquinaria electoral a traballar tamén na rede. En Vieiros publicamos un Especial Eleccións 99 que seguiu diariamente a actualidade relacionada con estes comicios e acadou un alto grao de participación gracias aos chats e aos foros que organizamos. Neste especial puidestes consultalo todo: noticias do que ía acontecendo, os programas, as biografías dos candidatos, datos das eleccións anteriores, enquisas de opinión, todas as ligazóns, etc. É de destacar o apartado "Liña directa cos candidatos", un experimento de participación electrónica realizado en colaboración co xornal La Voz de Galicia., xunto cos chats que realizamos con El Correo Gallego, polos que pasaron a maior parte dos candidatos ás alcaldías e os primeiros galegos nas listas ás europeas. ¿Resultados? Triunfo dos pactos BNG-PSdeG na maioría das cidades (agás Ourense) e victoria da dereita en Europa. Varios xornalistas realizaron os seus pronósticos e, logo dos resultados, analizaron a nova situación política. Xa saben, todo, no especial. Sociedade A rede acolleu durante todo este ano milleiros de novas webs sobre todo tipo de temas. Salientamos aquí algunhas delas: A Cidade das Mulleres, do Concello de Vigo; superweb europea do Encaixe de Camariñas; Desafío 8000, a crónica dunha das meirandes fazañas do montañismo, realizada por unha expedición de galegos no Himalaya; un proxecto de Televisión Dixital Terrenal da Universidade de Vigo chamado Terracota; ou Puferos.org, web que permite a calquera internauta denunciar a empresas ou a particulares que non pagan as súas débedas. A xustiza chegou tamén á rede (évos un sector moi pouco proclive a estas modernidades) coa web do Xulgado do Social nº 1 de Santiago. E pola parte da sanidade, aterrou no ciberespacio o Servicio de Urxencias 061 de Galicia. Claro que falando de saúde, non podemos deixar de salientar a nosa web favorita: a cibercompoñedora de Tabeirós, a señora Carme do Outeiro, que compón ósos, tendóns, etc. Outro orixinal proxecto foi o de RenovArt, nado en Vigo co obxectivo de promocionar as enerxías alternativas e renovables. Outra das novidades foi a web de LeGaliza (Colectivo Cannábico Galego) e tamén a de Adega, a Asociación para defensa ecolóxica de Galiza. Aló por xullo estreouse a web do programa Interredes de cooperación para a muller, unha rede de cooperación de proxectos para a promoción da muller en Galicia que está financiado pola UE e pola Xunta. Claro que para iniciativa, o casino só para gais e lesbianasda empresa galega Todointernet.com: Casino Homo, que simula un entorno virtual no que os xogadores adoptan un personaxe ("avatar") que se move e fala en interacción cos demais participantes. A CIG publicou na rede a Enciclopedia da Emigración Galega, un interesante web que inclúe información sobre todas as persoas importantes da emigración en Galicia, centros galegos no exterior, documentos interesantes e estudios sobre o tema. Unha das novidades máis especiais e emocionantes do ano foi un diario escrito por Ramón Garrido Vidal, nado no Grove, e titulado Diario dos últimos días pasados nos komandos de Dachau, un campo de concentración nazi no sur de Alemaña. É unha copia duns vellos papeis escritos a lápis por este capitán da 151ª Brigada Mixta da Armada Republicana española que o seu fillo, Fabien Garrido, publicou na rede. Tamén cómpre salientar a web da Xunta Galicia Universal sobre as comunidades galegas no exterior. Nestas páxinas atoparedes información sobre todos os centros galegos no mundo: dende Nairobi ata Rusia pasando por toda América, ademais de todo tipo de programas e axudas aos galegos no exterior. Que pasou en Galicia A través de Internet puidemos seguir o que ía acontecendo no país. Comezamos o ano falando de Cacharro Pardo e o nabo de Lugo: unha divertida composición fotográfica que aparecía na Gazeta de Lugo na que este político aparece a carón da muralla con nabos da man. O título é "Nabo de Lugo, ¡disfrútalo!". O 27 de xaneiro, unha mala noticia: o pasamento de Gonzalo Torrente Ballester conmoveu a todo o país e o Concello de Ferrol publicou na súa web un Especial Torrente Ballester e en abril celebrouse o I Congreso Internacional sobre a Obra Literaria de Torrente Ballester. Logo chegou o Entroido e fixemos un Especial sobre esta festa popular, e do mesmo xeito celebramos o oito de marzo: Especial Muller Traballadora. Seguimos tamén o nomeamento de Antonio María Rouco Varela (velaquí a súa biografía) como presidente da Conferencia Episcopal Española en sustitución de Elías Yanes. No Día da Clase Obreiga Galega, a CIG mobilizou aos traballadores e puxo na rede as súas reivindicacións: Máis e mellor emprego!!! E o fútbol, ai o fútbol... o Celta de Vigo quedou finalmente ás portas das semifinais da UEFA a mans do Olympique de Marsella. E na Liga Celta e Deportivo estragaron na última xornada todo o magnífico traballo da tempada 98-99. Ningún dos dous conseguiu clasificarse para a Liga de Campións, pero clasificáronse para a UEFA. No Día Internacional do Teatro Camilo Franco, escritor e crítico fíxonos unha análise sobre a situación e expectativas do teatro en Galicia, á vez que o espectáculo "Qui pro quo" da compañía Ollomoltranvía foi o gañador da terceira edición dos premios de teatro María Casares, que se entregaron onte no Teatro Rosalía da Coruña. E, para seguirmos con premios, Manuel Rivas e Iolanda Castaño lograron tamén en marzo o Premio da Crítica de narrativa e poesía en lingua galega por O lapis do carpinteiro e "Vivimos no ciclo das Erofanías", respectivamente. Mentres, Cristina Pato presentaba o seu primeiro disco, Tolemia, nun concerto-presentación en Madrid que retransmitido en directo por Internet. Tamén buscamos un rapaz desaparecido na Coruña, Sebastián Alonso Díaz, gracias a unha páxina web que a súa familia puxo na rede. E todos reaccionamos tamén á venda do 75% do grupo lácteo Leyma-Ram por parte de Puleva. E nunha destas, os xornalistas saltaron. Manuel Rivas leu en nome de todos os da profesión un manifesto pola liberdade de expresión para conmemorar o Día Internacional da Liberdade de Prensa. E a fomaos de maio, coma sempre, chegou a Silleda a máis importante feira do sector agropecuario en Europa, a Semana Verde de Galicia. Amnistía Internacional publicou en xuño na súa web o seu Informe Anual, no que relata, país por país, as violacións dos dereitos humanos, onde se inclúe a denuncia o caso do inmigrante senegalés Mamadou Kane, que foi maltratado por catro policías locais de Vigo. En xullo tivo lugar no recinto feiral de Lugo Inforensino 99, a terceira edición da Feira da Informática, as comunicacións, multimedia e redes aplicadas ao ensino. E na Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago o curso de verán Xornalismo e Internet. Daquela o BNG, a través do seu eurodeputado, Camilo Nogueira, informou onte de que a súa formación política se integrará no grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea dentro do Parlamento Europeo. Mentres, o eurodeputado do PPE, o galego Daniel Varela Suanzes-Carpegna, era elixido presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo A XIII edición da Volta Ciclista a Galicia deu comezo o 7 de xullo e tivo como gañador ao galego Marcos Serrano, do equipo Kelme. Tamén por esas datas tivo lugar tradicional lanzamento do globo de papel de Betanzos, acto principal das festas do San Roque nesta vila, que puido ser visto este ano por primeira vez a través de Internet dende a páxina do Concello. Xa en setembro comezou no Pazo de Congresos de Santiago o Interprise Atlantic Media 99, un encontro empresarial europeo do sector audiovisual e multimedia destinado ao fomento de iniciativas locais, rexionais e nacionais co gallo de estimular a cooperación entre pequenas e medianas empresas da UE. O Debate do Estado da Autonomía, no que o equipo de goberno e os distintos grupos parlamentarios discuten uns sobre o ben que o fixeron, e outros sobre o mellor que se podería ter feito, foi retransmitido pola TVG tamén en Internet, e a Xunta puxo en liña o discurso de Fraga nesta sesión extraordinaria do Parlamento. Outubro naceu coas Xornadas de Banda Deseñada de Ourense e co X Congreso do Partido Popular de Galicia, que non rematou -aínda- renovación dos conservadores galegos (programa e o horario). E morría aos 98 anos Manuel Colmeiro, o pintor natural de Chapa (Silleda), considerado o pintor vivo máis importante de Galicia e un dos pintores máis representativos do Movemento de Renovación da pintura galega. O 13 de outubro vinteún activistas de Greenpeace foron detidos ás portas da incineradora de Cerceda logo dunha protesta de cinco horas na que os bloquearon á entrada da planta de Sogama. A Garda Civil foi quen procedeu a indentificar e deter as persoas alí concentradas, nunha situación de bastante tensión e violencia, cando os protestantes xa estaban recollendo as pancartas. Foron postos en liberdade ao día seguinte logo de prestar declaración nun xulgado da Coruña e de durmiren nos calabozos da Garda Civil coruñesa. E o sábado 30 de outubro finaba Uxío Novoneyra no Hospital Gil Casares o día no que estaba previsto facerlle unha homenaxe, data que fora elixida por el, malia que finalmente se anulara polo agravamento do seu estado de saúde. O Panteón de Galegos Ilustres en Santo Domingos de Bonaval foi o lugar escollido para a súa capela ardente, entre as tumbas de Rosalía e de Brañas. Por alí pasaron a renderlle unha última homenaxe media Galicia, á que agora só lle queda a súa grande obra. Uns días despois quen morría era Antón Fraguas aos 93 anos, o Cronista Oficial do Reino de Galicia e director do Museo do Pobo Galego. Xerais, a primeira editora do país, celebrou no Balneario de Mondariz os seus vinte anos de edición entregando os Premios Xerais de Novela (a Anxo Angueira, por Pensa nao) e o Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil a Bieito Iglesias por Aire para unha noite de cabras. E na súa web tamén apareceu unha Crónica de 20 anos adicados á edición en galego. A táboa clasificatoria da Liga Española de Fútbol mostrou durante varias xornadas un fito histórico: por primeira vez dous equipos galegos ocupaban os dous primeiros postos. E mesmo empatados a puntos. O Deportivo rematou o ano sendo líder e o Celta ao final está de terceiro con tantas opcións coma calquera... Conflicto na canle #galiza A noticia da supresión da canle #galiza do IRC Hispano a finais de agosto causou sorpresa e indignación entre os internautas galegos. O usuario que denunciara a existencia de conversas que facían apoloxía do terrorismo admitiu que estas eran falsas e que só pediu o peche da canle para vingarse de certos usuarios que o eliminaran do rexistro. Mesmo publicou unha páxina web para pedir desculpas e aclarar o asunto. O que si parece certo é que os administradores do servidor IRC Hispano atenderon á denuncia sen asegurarse de que era certa e non dubidaron en pechar a canle vistas as "conversas" que alí, hipoteticamente, se mantiñan, sen consultar con ningún dos 65 operadores que ela ten. Logo reapareceu, pero un lector de Vieiros denunciou a "purga" de usuarios rexistrados, que se viron reducidos a 14. As webs máis agardadas... ... chegaron finalmente. Foron a web do Concello da Coruña, www.aytolacoruna.es, que reincide na ilegalidade manifesta do topónimo, aínda que logo a web é trilingüe: español, galego e inglés. E a do Concello de Santiago, SantiagodeCompostela.org. Aínda que chegan un pouco tarde, ambas as dúas son moi completas, con versión galega, inglesa e española, e información actualizada con novas do Concello. A outra web esperada é a de Compostela 2000, Capital Europea da Cultura, que non achega nada novo, nin tan sequera unha mínima información. En fin... . |
||||||
Así foi 99: Cousas de Vieiros Axenda do 2000 | A Fin do Mundo: Galicia Apocalíptica | Agasallos galegos | Postais de Nadal | Menú para o Nadal | ||||||