|
|||||
![]() |
Xulia Barros Viguesa que entende a arte (sempre en minúsculas cotiás) coma ácido diario para dixerir a vida. Ilustracións, pintura, escultura, deseño... todo serve. Despois de facer Belas Artes en Barcelona -e de se formar con algunhas das mellores, tal que Asún Balzola- empezou a poñerlle imaxes aos libros en e dende Galicia, moitos deles dos chamados infantís. Xa rebordou a media ducia de títulos, e segue aí, co lapis na man. A dixerir vida. Para curiosos que queiran ver máis: "O cacarabicolé" (Xerais), "O xenio do Sultán" (Xunta de Galicia) e "O gato de la" (Sotelo Blanco). | ||||
![]() |
Noemí López De Lugo de toda a vida, onde estudiou Deseño Gráfico e onde ten estudio. Moitos carteis do San Froilán son invitacións á festa feita por ela. Tamén unhas cantas tiras humorísticas publicadas por "El Progreso" e por "ABC". No ámbito da ilustración infantil leva varios anos a ofrecer un traballo ininterrompido. Tamén se ten adentrado polo ámbito dos "libros de artista", como o demostra o proxecto "Velaí a muller", con textos de Marica Campo e todo el dedicado a Rosalía. Outros títulos nos que ela deixou pegada: "As porcas porquiñas" (Caixa Galicia), "Xograr Cangas e asociados" (Xunta de Galicia), "Podesvir" (Sotelo Blanco) e Olo-iepu-iepu (Galaxia). | ||||
![]() |
Irene Fra Ferrol foi o seu escenario vital e laboral ata hai ben pouco. Agora segue a traballar en Madrid. Pero o seu parece ser, en realidade, o cambio constante de escenario. Pontevedra (onde estudiou Belas Artes), Lisboa e Maine (EUA), onde ampliou estudios... Se cadra anda á procura desas cidades fantásticas que logo poboan de tellados e cúpulas os seus debuxos. Os libros que leva ilustrados xa logo enchen un andel enteiro. Velaquí algúns que sobresaen: "O merlo de ferro" (SM), "A cadeliña rariña" (Galaxia), "Contos de Andersen" (Anaya-Xerais), "Os xigantes de nunca acabar" (SM). | ||||
![]() |
Blanca Barrio O Barbanza é o se escenario vital actual, onde pon escola de debuxo nun instituto da Pobra do Caramiñal, e desde onde enxerga esas estrelas fuxidías que só ela é quen de paralizar e levar á páxina dunha postal de Nadal. Despois de licenciarse en Belas Artes en Salamanca -e tras traballar no ámbito da publicidade en Madrid-, acaba de abrir o primeiro oco editorial para a súa obra en Galicia. Eis o seu título: "¡Hip-hip, hurra!" (Galaxia). | ||||
![]() |
Paula Paradela Naceu en Compostela, e nesa cidade se licenciou en Historia da Arte Moderna e Contemporánea. Tamen abriu estudio, no que desde 1991 imparte clases de debuxo e pintura. Entre exposicións (en Pontevedra, Vilagarcía, Santiago e Lugo) e colaboracións en revistas ("Imos xogar" e "Santiago Cidade Educativa"), tirou tempo para poñer na rúa o seu primeiro libro ilustrado: "Contos da travesía" (Caixa Galicia). |
||||