Máis dunha vintena de credores en diversos ámbitos literarios e artísticos participarán a partir deste venres en Translíttera, unhas Xornadas de Novas Linguaxes Poéticas que se conciben, en palabras do seu coordinador, Rafa Xaneiro, como un espazo "no que os poetas se despeguen da palabra escrita, ir un pouco máis alá da tradición poética, e indagar nos límites e fronteiras borrosas dos novos xéneros creativos". As xornadas, organizadas pola Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega, desenvolveranse na Fundación Eugenio Granell, de Santiago, na Luís Seoane da Coruña, na Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre; na Laxeiro, en Vigo, e na Otero Pedrayo, de Trasalba.
Translittera pretende establecer un espazo referencial de indagación en novas formas de expresión poética partindo de perspectivas creativas diferentes, tentando integrar o factor interdisciplinar que rexe o noso momento histórico e procurar un achegamento entre o público e a poesía máis aló do papel impreso e mediante a interación directa. Neste senso, Xaneiro destaca a importancia de superar con iniciativas coma esta "o desvencellamento tradicional que existe entre a arte, e a poesía en concreto, e a sociedade, que en moi contadas ocasións ten contacto coa creación poética".
Nas cinco sesións que se celebrarán ao longo destas tres semanas participarán unha vintena de creadores: Antón Lopo (escritor, xornalista e performer), Iván Prado, Carlos Santiago (actor, músico e escritor), Pepe Sendón (músico, actor e narrador), Yolanda Castaño (poeta e guionista), Rafael Xaneiro (escritor, músico e video-artista), Estevo Creus (poeta), David Creus (artista plástico e poeta), María Lado (poeta), Lucía Aldao (poeta), Manolo Cortés (actor, poeta e guionista), Cristina F. (performer, narradora e autora teatral), Lomarti Adri (artista plástico e poeta), Minus Bálido (artista gráfico e poeta visual), Ana Cibeira (poeta musical), Carlos Quiroga (poeta e narrador) e Nela Que, Roi Fernández e Ig, artistas ligados ao colectivo alg-a.
O traballo destes artistas estará centrado nunha serie de intervencións, nun espazo e tempo determinados, que xirarán en torno a dous eixes: a idea de transgresión, superación ou xogo cos límites habituais que conforman a expresión poética, e a reivindicación da poesía como acto, con maior ou menor importancia do seu carácter efémero.
A iniciativa comezará o vindeiro día 18 de novembro na Fundación Eugenio Granell, en Santiago de Compostela. O seu periplo continuará o día 25 de novembro na Fundación Luis Seoane, en A Coruña, e o día 26 na Fundación Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre. Xa en decembro, os encontros celebraranse o día 2 na Fundación Laxeiro, en Vigo, e clausuraranse o día 3 na Fundación Otero Pedrayo, en Trasalba. Natalia Fernández e Jaime Buján, das Fundacións Eugenio Granell e Laxeiro respectivamente, destacan a importancia de que as casas e fundacións de artistas colaboren en iniciativas conxuntas coma esta e salientan o seu valor experimental, coherente coas liñas de traballo das súas entidades.
Todas as sesións, que comezarán ás 19:00 horas serán de entrada libre para todos aqueles que desexan asistir e participar desta iniciativa.