A comisión promotora da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués realiza este venres en París os últimos actos de presentación desta iniciativa, que o próximo 25 de novembro poderá ser declarada pola UNESCO Obra Mestra da Humanidade. Logo de ser presentada en Bruxelas, Madrid, Santiago, Ourense, ...e Lisboa, París é a última cidade onde recala a Comisión promotora antes de coñecermos a resolución da UNESCO.
Viaxarán ata a capital de Francia Santiago Veloso, Presidente da asociación Ponte...nas Ondas!, Lourdes Carita, Promotora da Candidatura en Portugal, Luísa Márquez, Coordinadora das Escolas Asociadas á UNESCO en Galicia, e Ana Miranda, voceira do BNG no Parlamento Europeo. Acude tamén Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta.
Durante dous días a Delegación da Comisión Promotora da Candidatura levará a cabo unha serie de reunións e encontros para expor os pormenores deste proxecto tanto a institucións e entidades vinculadas con Galicia e Portugal en Francia, coma ao público en xeral, en particular a ampla comunidade galega e lusa que reside en Francia.
O Instituto Camões e o Instituto Cervantes van ser os dous lugares nos que se faga a presentación ao público en xeral. Neste último contarase tamén coa actuación musical da artista galega Mercedes Peón, que ten realizado un amplo traballo de recuperación da tradición musical.
A axenda de Paris comeza o venres pola mañá cunha reunión co Embaixador de Empaña ante a UNESCO, Jose María Ridao. Posteriormente os promotores da Candidatura reuniranse no Sector Educación da UNESCO con Sigrid Niedermayer, Directora Xeral do Programa das Escolas Asociadas da UNESCO e con Jean O´Sullivan, Responsable de Publicacións da área de Educación.
Rematarán a xornada do venres cun encontro co escritor xornalista galego Ramón Chao, un dos asinantes do manifesto de intelectuais europeos a prol da Candidatura.