Os centros de telecomunicacións de Bagdad convertéronse nos obxectivos dos misiles estadounidenses durante a fin de semana, de acordo coa crónica dos brigadistas que permanecen en Iraq. A delegación española visitou os hospitais, repletos de víctimas civís, e non deixa de abraiarse coa actitude dos cidadáns iraquís, que tentan recuperar a normalidade baixo o estrondo da aviación norteamericana.
Os fortes impactos escoitados polos brigadistas durante a noite do sábado ao domingo 30 de marzo tiveron como obxectivo os centros de telecomunicacións. O de Shalajiyya, na marxe esquerda do Tigre, foi atacado cinco veces na madrugada.
O centro situado na rúa Omar Ben Abdelasis tamén recibiu tres impactos de misil, aínda que tampouco aquí se derrubou a torre das comunicacións. Outro centro novamente atacado foi o do barrio Shaab, castigado repetidamente polos bombardeos estadounidenses, o que provocou que toda a cidade quedase sen liña telefónica. Os brigadistas víronse obrigados a comunicarse por teléfono vía satélite.
Durante as visitas a varios hospitais da cidade, os brigadistas comprobaron que a maioría das víctimas dos ataques estadounidenses son civís. Conversaron con Omar Abdel Karim, de 29 anos, ferido no abdome durante o bombardeo do barrio de Shaab, o día 29 ás 16.40 h. Ao igual que el, o seu veciño Munib Habib Hamid, en estado grave e sen poder falar, foi ferido o mesmo día por metralla no ventre, pernas e tórax, xunto á súa muller e ao seu fillo.
Os brigadistas síntense impactados ao pasear por rúas que foron atacadas e ver á xente relacionarse cunha naturalidade que só creba o son constante dos avións militares estadounidenses. Os vendedores do mercado de Addamiyya non lles quixeron cobrar os alimentos, as froitas e a agua, e ofrecéronllas como agasallo.
"Os cidadáns de Bagdad manifestan unha explícita vontade de resistir, que se expresa na normalidade con que recuperan cada día os espacios públicos. Nas horas de luz o transporte público segue funcionando e o tráfico de veículos privados é denso no centro da cidade. Os cascallos son inmediatamente retirados e cada vez hai máis comercios abertos".
"Soldados, milicianos e civís armados mercan leitugas nos postos, descansan nas paradas co Kalashnikof entre as pernas e beben té nos cafetíns falando con mozos e vellos, en escenas que se repiten por todas partes e que espertan a memoria viva das imaxes das nosas propias cidades durante a guerra civil", conclúen os brigadistas.
Brigadistas do Estado español contra a Guerra: Mª Teresa Tuñón Álvarez, Mª Rosa Pañarroya Miranda, Ana Mª Rodríguez Alonso, Belarmino Marino García Villar, José Bielsa Fernández, Imanol Telleria, Javier Barandiaran, Manu Fernández e Carlos Varea González.