Este domingo tamén se celebran eleccións presidenciais en Rusia, onde parte como favorito indiscutíbel o actual presidente Vladimir Putin. O seu principal rival non é ningún dos outros candidatos, senón o limiar de participación, que debe superar o 50% para que os resultados sexan considerados válidos.
Segundo fontes do goberno ruso, tres horas antes de que se pechasen os colexios electorais, xa se superara a fronteira do 50%. Ademais da abstención tradicional, algúns partidos chamaron a boicotear os comicios que consideran manipulados polo Kremlin.
Os rivais de Putin son cinco: Serguei Glaziev, Irina Ghacamada, Nicolai Gharitonov, Oleg Malixquin e Serguei Mironov. Glaziev é o máis importante: pertence ao Partido da Terra Nai (o de Putin), pero critica as súas últimas reformas económicas dende unha perspectiva máis estatalista. Ghacamada é a candidata das dereitas, Gharitonov o líder agrario apoiado polos comunistas de Ziuganov, Malixquin é o ultradereitista escollido por Xirinovsqui, e Mironov, presidente do Senado, é amigo e compañeiro do propio Putin
Están chamados ás urnas uns 110 millóns de persoas en nove fusos horarios distintos. No colexio onde votou Putin e noutros moitos de Moscova e das grandes cidades empréganse unhas urnas electrónicas que len e recontan automaticamente os votos emitidos.