"Non somos os máis guapos, pero tampouco os menos agrazados". Con tales palabras resumía hai un ano o conselleiro de Economía a súa opinión sobre os baixos índices de benestar galego que reflectía o anuario social de La Caixa, e cuestionaba a continuación os criterios do estudio. O informe de 2004 vén de publicarse e os números non son mellores ca hai doce meses, cun dos índices de renda máis baixos do Estado.
O 'Anuario Social de España 2004', recentemente publicado por La Caixa, sitúa a Galiza coa terceira renda máis baixa do Estado, só con Andalucía e Estremadura por baixo. De feito, a nosa comunidade aparece nos últimos postos dos diferentes indicadores estudiados, unha ducia de índices de benestar social que abranguen emprego, vivenda, sanidade, educación ou ambiente.
En accesibilidade a vivenda ou equipamento básico dos fogares, Galiza aparece como pechacancelas, compartindo lugar con Canarias. Os datos sobre oferta educativa, cultural e de lecer non son mellores. E no que lle toca a saúde a comunidade galega tamén está nos lugares baixos da lista xunto con Asturias e Murcia. Os datos na maioría de estatísticas son peores nas provincias do interior. Así, Lugo e Ourense aparecen con cifras de ata o 30% por baixo da media do Estado no que lle toca a vivenda ou educación. Seguridade e Ambiente son os únicos apartados onde a comparativa estatal ofrece bos datos para Galiza,
Con parecidos datos sobre a mesa, hai un ano, e preguntado no Parlamento galego polo deputado do BNG Vega Buxán, o conselleiro de Economía cuestionaba os criterios seguidos polas estatísticas, afirmando que "teñen limitacións para analizar unha realidade chea de matices".
Na mesma sesión, Dolores Villarino (PSdeG) lembráballe ao conselleiro que as mesmas limitacións terían existido para o resto das autonomías. Paradoxalmente, ao longo do día, a Xunta emitiría unha nota de prensa onde co título 'Galicia entre as comunidades cos mellores indicadores de benestar social', destacábanse os números da comunidade en seguridade cidadá e medioambiental, contorno natural e clima.