A mobilización cidadá, certos labores de recollida de fuel e a creación da Comisión sobre Seguridade Marítima no europarlamento son algúns dos elementos positivos que salienta ADEGA despois de que pasasen 500 días desde a catástrofe do Prestige. O capítulo das carencias é máis preocupante.
A organización ambientalista lembra que segue a haber unha gran cantidade de fuel no pecio e depositado nos fondos mariños; segue a chegar fuel ao litoral galego e máis ao resto do cantábrico de xeito irregular e que, neste momento existen máis de 300 puntos de contaminación extrema por acumulación de fuel, sobre todo no litoral comprendido entre a Punto Louro e as Illas Sisargas.
Por outra parte, o BNG anunciou que proporá a creación no Congreso dunha comisión de seguemento dos efectos económicos, sociais e medioambientais da catástrofe do Prestige.