Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA DESENVOLVE A LOCE, UNHA LEI PARALIZADA POLO CONSELLO DE MINISTROS

Os directores dos centros serán elixidos en Galiza por concurso de méritos

A Consellaría de Educación publica no DOGA do 4 de maio, a orde pola que se convoca un concurso de méritos para cubrir 499 postos de directores nos centros públicos de ensino non universario nos que os cargos de dirección rematan o seu mandato. Esta orde supón o desenvolvemento da Lei de Calidade do ensino, a LOCE, que o Consello de Ministros aprobou a paralización do calendario da súa aplicación. Supón tamén que os directores dos centros serán elixidos mediante concurso de méritos e non polo Consello Escolar de cada centro. Para a CIG-Ensino a publicación desta orde implica a "liquidación da xestión democrática dos centros".

- 09:11 05/05/2004
Tags:

A comisión para seleccionar os candidatos está formada por dous Inspectores de Educación, un director e un funcionario da Delegación provincial da consellaría, dous representantes do profesorado e un do Consello Escolar. A CIG-Ensino lembra que "hai propostas doutros gobernos autónomos que van en sentido contrario, ao asignarlle maioría na composición da comisión á representación do Claustro e o Consello Escolar (Andalucía, Cataluña, Castilla-A Mancha...)".

Para a central nacionalista, "a Consellaría de Educación pretende someter os centros públicos a sistemas de xestión propios da empresa privada, furtando todo tipo de participación e concentrando todo o poder de decisión sen ter en conta a opinión do profesorado e do resto da comunidade educativa".

A CIG-Ensino propón que nin os Claustros de profesores nin os Consellos Escolares participen na comisión de avaliación dos candidatos.

Nos mesmos termos expresouse o deputado do PSdeG-PSOE, Manuel Luís Rodríguez, quen rexeitou a orde "tanto no fondo como na forma, xa que representa un dos aspectos máis involucionistas da LOCE".

Manuel Luís Rodríguez pide á Xunta que non aplique con carácter inmediato o novo modelo e abra un proceso negociador no que participen todos os sectores implicados, así como os partidos con representación parlamentaria. O parlamentario socialista acusou á Consellería de Educación de "cercenar os principios de representación democrática dos órganos de dirección dos centros educativos".

Sinala que "a Xunta parece desexar deixar amarrados certos cabos, sin someter estas medidas aos consensos que serían desexábeis". Rodríguez engade que "só así se explica esta présa e que a mencionada disposición teña rango de "orde" para así non pasar polo trámite correspondente polo Consello Escolar de Galiza.


Ligazóns

0/5 (0 votos)