Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACUSADO DE AGREDIR A UN AXENTE QUE ESCOLTABA A RAJOY

O fiscal pide un ano e dous meses de cadea para un membro de Nunca Máis de Lugo

O Ministerio Fiscal pediu un ano e dous meses de prisión por un delito de atentado á autoridade, unha multa de 600 euros por outro de lesións e unha indemnización de 450 euros ao axente supostamente agredido. O xulgado de Lugo encargado do caso deixou hoxe visto para sentenza o xuízo contra o membro de Nunca Máis.

- 16:47 09/06/2004
Tags:

Ocorreu durante unha visita do que por aquel entón era vicepresidente do Goberno, Mariano Rajoy, a un acto do PP en Lugo. A sociedade galega aínda gardaba a carraxe contra os que consideraban responsábeis de que o Prestige asfaltara a costa de chapapote. Ese 8 de febreiro de 2003 centos de persoas convocadas pola plataforma cidadá Nunca Máis protestaban á entrada do local onde se xuntaban os "populares" mentres eran sometidos a cargas policiais durante as que, supostamente, se cometeu a agresión.

Bernardo Valdés Pazos, membro de Nunca Máis, acudía hoxe a declarar ao xulgado do Penal número dous de Lugo. Alí, recoñeceu que participara nos actos de protesta celebrados ese día pero negou abertamente que agredira ao axente policial que escoltaba a Mariano Rajoy. Deu testemuño de que fora el o agredido por un dos escoltas e dixo sentirse moi tranquilo porque "non existe ningún tipo de razón para condear a alguén polo que aconteceu e, se hai algunha razón para condear a alguén, é á policía pola súa actuación".

Apoio de Nunca Máis
Un cento de persoas vencelladas á plataforma Nunca Máis, entre os que se atopaban os parlamentarios do BNG Emilio López Pérez e Bieito Lobeira, apoiaron ao seu compañeiro durante a celebración do xuízo dende as portas do xulgado. Fronte a eles e en actitude vixíante permanecían tres furgóns de axentes antidisturbios. Un dispositivo que Lobeira atribuiu ironicamente "ao novo talante do goberno".


0/5 (0 votos)