Os avances da modernidade e os xoguetes de cores atractivas do Toys`r´Us teñen deixado en desuso moitos dos xogos populares cos que enredaban os nosos pais e avós. Agora, un grupo de xente vencellada ao ámbito educativo programaron para o sábado 26 de xuño en Melide unha reunión aberta a todos os interesados na que se discutirá a posta en marcha dunha coordenadora que se ocupe de recuperalos para o disfrute dos nenos de hoxe.
O proxecto mestura a nostalxia dos que viron desaparecer os seus xogos e xoguetes cotiáns, elaborados as máis das veces por eles mesmos con poucos máis recursos que a propia imaxinación, algunha mazorca ben feita, un anaco de madeira tallado por mans xeitosas… e máis o interese de que os cativos coñezan outras posibilades de lecer.
No mesmo obxectivo traballa dende fai xa un tempo o Centro de Interpretación de Xogos Populares , o Lapao, situado en Velle, Ourense. A mariola, o xogo do pano, o trompo, a billarda, a petanca…e todos aqueles que van aparecendo froito da recolleita, pois Galiza conta cunha ampla variedade de xogos deste tipo, documentanse e poñense de novo na práctica en escolas e institutos.
Na derradeira semana de maio xa tivera lugar en Ourense o I Curso de Xogos e Deportes Colectivos, que reuniu a persoas de distintos colectivos que andan a traballar co mesmo empeño. Agora, coa reunión do vindeiro sábado 26 de xuño en Melide, pretenden xuntar a toda a xente interesada en loitar contra a desmemoria aproveitando ademais para pasalo ben.