"Os pobos indíxenas queren desenvolvemento para mellorar as súas condicións de vida, pero queren controlar o proceso e que isto non sexa a calquera prezo", afirma Julian Burguer, responsábel das reivindicacións indíxenas no Alto Comisionado da ONU polos Dereitos Humanos. De visita no Fórum 2004, Burguer subliñou que estes pobos "queren ser consultados e non aceptan seren invadidos" pedindo que mude cara eles "a actitude do colonizador" pola do "socio".
Na opinión de Burguer, "é preciso un acordo de Estados, sociedade e pobos indíxenas" cara o deseño dun contorno xurídico que consolide "ese novo vencello e modo de relación". Por ese camiño, asegura, "os indíxenas poderán compartir a visión do mundo e os gobernos á par que as responsabilidades".
Ao tempo que se cumpre o que a ONU denominou a Década dos Pobos Indíxenas, entre 1995 e o 2004, período no cal se creou o Foro Permanente dos Pobos Indíxenas e está en preparación a Declaración Universal dos Dereitos Humanos dos Pobos Indíxenas, o Fórum das Culturas acolle en Barcelona estes días diversas actividades coas que quere darlle voz a estes pobos.
As Nacións Unidas convocan cada 9 de agosto o Día Internacional dos Pobos Indíxenas: trescentos millóns de persoas, un 5% da poboación mundial repartida en máis dun cento de estados, sistematicamente marxinados e privados dos seus dereitos, cando non directamente exterminados fronte á pasividade das administracións.