Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE NO PPdeG E NA XUNTA

Rajoy evita a demisión de Palmou

"Saiu moi ben para o PP". Estas foron as únicas palabras que pronunciou Mariano Rajoy despois de entrevistarse durante media hora con Fraga na residencia presidencial de Monte Pío. O que "saiu ben" para Rajoy só cabe interpretalo como unha nova victoria do sector afín ás teses da dirección española do PP despois do forte pulso que mantivo co grupo de Baltar e Cuíña e tamén co propio Fraga desde o pasado venres.

- 08:22 03/11/2004
Tags:

Unha nova tirapuxa semellante nas formas á ameaza de escisión de Baltar: anuncios de demisións en cadea, subtilmente pautados no tempo, amagos de crise no goberno da Xunta e, por último, chamadas á prudencia e á unidade dunha organización na que cada día se abre máis unha fenda irreparábel.

Rajoy marchou de Monte Pío cunha solución: a permanencia de Palmou como secretario xeral do PP. Ata cando? Hoxe será o propio Fraga quen dea máis explicacións. Xa se sabe: "cousas de familia".

Porque o que está realmente en xogo é o propio liderado de Fraga. Ese é o auténtico nome da crise. A caixa dos trebóns "populares", latente desde a saída de Cuíña durante o Prestige, estoupou no momento en que Fraga decidiu volver presentarse á reelección como presidente da Xunta como "garante da unidade do partido". Unha decisión que provocou o efecto contrario. Por unha parte, o grupo de Baltar e Cuíña non estaba disposto a seguir perdendo posicións na Xunta e no partido e o grupo de Rajoy, liderado por Xesús Palmou e Alberto Núñez Feijoo non aceptaba adiar por máis tempo unha renovación do PPdeG que suporía á saída dos da "boina". Neste punto, Fraga, atrapado na súa propia ambición, é só un lastre para os dous grupos, que están dispostos a librar batalla ata o final pola hexemonía no partido. Tal e como están as cousas, só a renuncia de Fraga á súa candidatura e un congreso extraordinario que elixa novo líder, o que suporía de feito a refundación do partido en Galiza, poría punto final á crise. Mentres tanto, cunha Xunta en estado de catalepsia, asistiremos nos próximos meses ao espectáculo previsíbel da fin dun ciclo político de máis de 15 anos.

  • Anteriores: Rajoy voa de urxencia a Galiza para entrevistarse con Fraga


  • 0/5 (0 votos)