Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
SUMARIO DE XERFA

Mai més... o Prestige. Un álbum da maior mobilización catalana a prol de Galicia

Hai dous anos do desastre do Prestige, da marea negra sobre a que xa alertara Cunqueiro. Hai dous anos e aínda queda moito por recuperar, por saber e por responsabilizar e por iso foi tan concorrida a manifestación do sábado pasado en Compostela. Desde Cataluña o cabodano vaise lembrar esta semana cunha serie de actos organizados pola Plataforma Nunca Máis de Catalunya coa proxección de documentais, coloquios, exposicións e música. Este é un bo momento para facer reconto do desastre e mais para recuperar do álbum algunhas das cousas que se fixeron desde aquí. Por Helena González

- 17:16 22/11/2004
Tags:

O máis interesante do movemento Nunca Máis/Mai Més é que non estaba formado exclusivamente por galegos senón que reuniu a persoas de diversas procedencias e posicións ideolóxicas. A Plataforma Nunca Máis de Catalunya conseguiu levar adiante, nas súas múltiples asembleas, moitas celebradas no Centro Galego, numerosas iniciativas de participación solidaria e concienciación cidadá. A inmensidade do desastre foi tal que a cuestión tivo, por suposto, unha amplísima cobertura nos medios de comunicación, fixéronse debates, moitos, e convocáronse concentracións, concertos solidarios, e publicacións. Mais, sen dúbida, os actos que tiveron maior repercusión foron a concentración do 1 de decembro de 2002, convocada por Mocidade Galega e, sobre todo, a manifestación do 13 de decembro de 2002, na que se congregaron moitísimos cidadáns e persoeiros destacados da vida política e social catalana, que encheron as Ramblas e todo o percorrido da manifestación. Entre as moitas fotos daquel día a prensa escrita salientou unha fotografía de Sara Sanjurjo coas bágoas negras a caerlle polas meixelas. Ela foi o rostro catalán da denuncia. Por unha vez o tópico da Galicia saudosa e do bo comer trocábase por unha Galicia reivindicativa e consciente. E por unha vez había unha organización social galega que logo había participar con identidade de seu naqueles meses inzados de protestas cidadás, especialmente polo non á guerra e polo non ao trasvase do Ebro. Logo, cando as eleccións municipais, o resultado de Muxía converteu a solidariedade en rabia, e moitos cataláns falaron e actuaron cunha visceralidade previsible pero fóra da análise lóxica. Houbo que ler nos xornais e escoitar nas radios frases tremendas...

Este segundo cabodano é unha data acaída para abrir o álbum e facer reconto dalgunhas das moitas iniciativas que se desenvolveron con selo "catalán". Abordemos esta navegación.

En Cataluña publicáronse moitos libros. Sen dúbida o primeiriño, o que tivo maior repercusión, foi o de Suso de Toro, aquel Mai mes. Diari urgent d'una catàtrofe, que se puxo á venda no mes de decembro do 2002 case simultaneamente en galego, catalán e español. Nel recollíanse a súas columnas de urxencia escritas para La Vanguardia, onde aínda hoxe é colaborador. Pero a este seguíronlle outros, como os dedicados ao público infantil é xuvenil: o cómic Marea negra. Cas "Prestige". Història d’una taca, e mais unha "novela negra" (enténdase na dobre acepción) de Josep Lorman, Mar negra, publicada por La Galera, na que se relata un verquido de petróleo que contamina desde o Cabo de Creus deica Canet. Non foi esta a única iniciativa dedicada á rapazada. O grupo teatral Furafollas, dirixido por Anxo Baranga, montou La màquina del Sr. Malababa, que se representou en diversos lugares, entre eles o Ateneu Popular de 9 Barris, cadrando cunha reivindicativa e festiva Setmana de Galícia, que tivo lugar do 28 ao 30 de marzo de 2003. Os nenos saían berrando "nunca máis" como hai dez anos aqueles que escoitaban os discos do Xabarín Clube cantaban "paviméntame, José Cuíña, paviméntame". Nas xornadas de Nou Barris houbo moita música (Jarbanzo Negro, As Gharotas, Susana Seivane, os Diplomáticos de Monte Alto, Pinto d’Herbón), espectáculos poéticos (de Manuel Rivas e Teatro Maltés) e mesas redondas.

De por parte, os galegos máis activos preparon un libro de creación literaria, editado por Antón F. Escuredo e Lito Caramés, con vontade de ser unha publicación solidaria e popular: Nunca Máis. Si tots nosaltres som la mirada i el vent. Nel participaron escritores e ilustradores inéditos, galegos de aquí (X.L. García, Jei Noguerol, Pepe Rubianes, Manu Chao...) e outros artistas e creadores de Cataluña (Manuel Vázquez Montalbán, Miquel Martí i Pol, Concha García...). Por outra banda, promovido polo valenciano de orixe galega Xulio Ricardo Trigo, recolléronse textos de escritores cataláns no Mai més. Nunca máis. Els escriptors contra el silenci. E o máis recente, publicado pola Plataforma Nunca Máis, é unha análise técnica, Prestige. De l'accident a la catàstrofe, de Joan Zamora Terrés. Ademais a Plataforma deseñou tamén outro material de información e denuncia como un boletín, chapas, camisetas, etc.

Cadrando co primeiro cabodano do accidente un xornal catalán de grande tirada ofrecía de agasallo un CD recopilatorio, Mais Més/Nunca Máis, con cancións de Lluis Llach, Sopa de Cabra, M. del Mar Bonet, Quimi Portet, Joan Manuel Serrat, Marina Rossell, Miquel Poveda, a Cia. Elèctrica Dharma... e Milladoiro. E agora, co gallo dos dous anos, pódese descargar da rede o vídeo-documental de Jan Codina Satorras, Prestige, el viaje a ninguna parte. Ademais cómpre lembrar a exposición da serie No país de Nunca Máis, do pintor Anxo Baranga, que se presentou en Terrassa (15 ao 28 de marzo de 2003). Pero do traballo de Baranga hei de falar nun vindeiro Sumario de Xerfa. Mentres, paga a pena rematar por Vázquez Montalbán, seguindo o seu poema para o Nunca máis. Si tots nosaltres som la mirada i el vent:

(...) las corridas de mineros eran rojas entonces
las mareas hoy son negras
imposible elegir el color de la catástrofe

Mareas azules, blancas, negras
el tiranosaurio insiste en que todas son suyas.

Habrá que darle la razón y otras mareas.

Outros Sumarios


0/5 (0 votos)