Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENQUISA DA CIG-ENSINO

Proposta para a reforma educativa: máis mestres, máis cartos e contidos adaptados á nosa realidade

"Evidencian a necesidade de consolidar un sistema educativo propio" . Así subliña a CIG-Ensino ao respecto das respostas obtidas na sondaxe realizada polo sindicato entre o profesorado non universitario que agora lle achegará á consellería e ao Consello Escolar do Estado coma contribución ao debate sobre a reforma educativa. Os enquisados coinciden en apoiar o aumento deica ao 6% do PIB o gasto en educación para "garantir e defender realmente o ensino público".

- 14:03 31/01/2005
Tags:

Contidos adaptados á nosa realidade e respecto ao carácter plurinacional do Estado nas leis educativas é unha arela apoiada polo 89,6% do profesorado que participou na enquisa, onde chegou ao 81% a porcentaxe dos que cren necesaria a transferencia de todas as competencias en Formación Profesional á administración galega. Ao tempo, un 67,5% apoia que o galego sexa a lingua vehicular do ensino.

A partir de asembleas convocadas en todas as escolas galegas, a CIG avaliou a opinión do profesorado galego sobre un conxunto de propostas non incluídas no documento inicial para a reforma da Lei de Calidade presentado polo goberno central. Máis de oito milleiros de profesores e mestres, o 27% do total dos docentes galegos, cubriron este cuestionario. Maior dotación de profesorado coma ferramenta máis eficaz para a atención á diversidade, incremento da atención individualizada, diminución do número de alumnos por aula, 6% do PIB para ensino ou recuperación do claustro coma órgano de goberno para a xestión democrática dos centros, foron puntos nos que máis do 90% dos enquisados estiveron a favor.

Á beira, un 76% subliñou a necesidade de que os libros de texto e o material escolar sexan gratis, un 87% amosouse a favor das actividades extraescolares gratuítas, o 88% apoiou a dotación de comedores e transporte para os centros públicos, e o 75% votou pola non aplicación de concertos nos niveis non obrigatorios: infantil, bacharelato, formación profesional e programas de iniciación profesional.


0/5 (0 votos)