Co control actual de algo máis do 75%, Telefónica prepara a compra do 25% restante co deseño dunha operación de canxe: por cada nove títulos da filial de internet ofreceranse dous da operadora. O plan é criticado polos longa e fortemente castigados pequenos investidores, que denuncian que se exclúe a intervención da Comisión do Mercado de Valores e que non se garanten os seus dereitos. Dende a Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros cualifican de "vergonzosa fraude de lei" a fusión por absorción e advirten que a situación só pode resolverse na Audiencia Nacional coa resolución da querela presentada.
"É unha nova mostra do cinismo e a desvergonza que caracterizou a actuación deica o momento da dirección de Telefónica, con César Alierta á cabeza, as cales semellan non ter límites", denuncia o presidente de Adicae, Manuel Pardos, que esixe que o comité consultivo da CNMV dea explicacións sobre a operación.
Os representantes dos pequenos accionistas cualifican de "mentira" unha proposta de fusión por absorción que non é tal na práctica "é un novo intento de adquirir o 100% dunha filial onde xa teñen a maioría do capital e o 100% da representación no consello de administración". Asimesmo, consideran que o ofrecemento de dous títulos de Telefónica por cada dez de Terra "supón non só valorar a acción de Terra en menos de dous euros do prezo da OPA do verán do 2003, senón unha nova mostra do desprezo de Telefónica e Terra polos accionistas que tanta interese amosaran na OPV da filial de internet".
Adicae recoméndalle aos seis mil pequenos investidores que representa, que non acepten menos de 18,59 euros por acción, "único xeito honrado de rematar co xa desgraciado asunto Terra, polo vergonzos do mesmo e polos milleiros de familias afectadas". Ao tempo, insiste en que se avance na querela agora paralizada nos xulgados.