Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PITA ACUSA O BNG E O PSdeG DE USAR MÉTODOS DA KGB

Piden unha comisión de investigación sobre as supostas irregularidades nas oposicións da Xunta

O conselleiro de Presidencia, Xaime Pita, negou que existisen irregularidades nas últimas oposicións convocadas pola Xunta, acusou á oposición de utilizar "tácticas da KGB" e de "dubidar da honorabilidade dos membros do Tribunal, entre os que hai sindicalistas". Os portavoces do BNG e do PSdeG denunciaron a "escaseza de limpeza" destas oposicións, en especial nas probas ao grupo D e ao corpo de conductores e criticaron a Pita por tentar "enlamar" todo o proceso. A oposición reclamou a apertura dunha comisión de investigación.

- 16:36 15/02/2005
Tags:

O viceportavoz do BNG, Alfredo Suárez Canal, sinalou que nos exames para o grupo D (auxiliar administrativo da Xunta) aprobaron 6 veces máis persoas e no do grupo E 8 veces máis "do que é normal" nestes procesos. Amais, insistiu, máis do 50% das persoas que aprobaron as probas do grupo D non se presentaron para as do E (de menor dificultade e practicamente co mesmo temario cas do D).

Suárez canal acusou ao PP de "intentar instrumentalizar" estas probas, para as que se inscribiron máis de 14.000 persoas, e lembrou que xa en 1994 o seu grupo presentou unha proposición non de lei para que os tribunais deste tipo de probas fose elixido entre funcionarios e non entre membros da Xunta.

Pola súa parte, o deputado do PSdeG, Pablo López Vidal, sinalou directamente ao PPdeG como responsábel de "enchufar" aos "amigos, fillos, primos de 100 familias" do PP. López Vidal citou a 13 persoas "próximas" a cargos da Xunta ou do PPdeG que obtiveron "máximas puntuacións" nas probas do grupo D e, a maior parte, non se presentou ás do E, "aínda que tiñan pagada a matrícula".

O deputado do PSdeG acusou ao director xeral de Medios Informáticos e ao secretario xeral da Consellaría de Presidencia de "filtrar" as preguntas. "En lugar de traducir estas preguntas no Servizo de Traducción, como é habitual, desviáronas ao Diario Oficial de Galicia, que eles controlan", engadiu.

O conselleiro de Presidencia, Xaime Pita, sinalou que só se recibiron 26 reclamacións por "disconformidade", dous recursos de alzado e 120 escritos "a maioría do sindicato apéndice do BNG".

Pita acusou aos deputados do BNG de "tendenciosos e sectarios" por presentar unha estatística que "non vale para nada" e aos socialistas de "demagogos" por nomear só a trece persoas próximas ao PP, "e iso que falan de 100 familias", sinalou.


Ligazóns

0/5 (0 votos)