Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DA CIG SOBRE A SITUACIÓN LABORAL DA MULLER

Menos da metade das galegas ten un traballo asalariado ou están apuntadas no paro

Alta taxa de paro, emprego precario, discriminación salarial e ausencia de servizos sociais que faciliten a inserción no traballo son algunhas das eivas da situación laboral das mulleres galegas, segundo advirte un informe da CIG presentado esta mañá con motivo do Día da Muller Traballadora, que se conmemora o 8 de marzo. No estudo ponse de manifesto que menos da metade das galegas maiores de 16 anos, o 45,5%, están traballando ou figuran nas listas do INEM como demandantes de emprego, o que sitúa a taxa de actividade feminina en Galiza 5 puntos por debaixo da media europea.

- 13:55 03/03/2005
Tags:

As responsábeis do informe da CIG, Elvira Patiño e Natividade López Gromaz sinalaron que esta situación viría provocada, por unha banda, pola falta de postos de traballo, "xa que as altas taxas de paro desaniman a busca de emprego ao igual que os longos períodos de espera". E esa longa espera, segundo a secretaria da Muller da CIG "fai que moitas mulleres acaben por abandonar a busca de emprego e pasen a ser inactivas".

Elvira Patiño sinalou ademais que "as mulleres seguen a ocuparse, maioritariamente, das tarefas domésticas e do coidado das persoas dependentes, chegando a ter dupla ou mesmo tripla xornada de traballo se ademais están traballando fóra da casa". Ao seu entender, vén agravar máis esta situación o feito de que "non existan servizos sociais públicos e gratuítos adecuados e suficientes para a conciliación da vida laboral e familiar, porque aínda que non nos guste, somos as mulleres quen nos vemos obrigadas a conciliar. Cun salario máis baixo e con contratos temporais en precario é máis fácil que sexa a muller e non o home quen abandone o traballo para se dedicar ao coidado da familia".

Neste sentido, Natividade López Gromaz explicou que a taxa de actividade feminina en Galiza é 5 puntos inferior á media da UE. A media europea estaba no 48,1%, con taxas en torno ao 60% nos países nórdicos, onde os sistemas de protección social son máis xenerosos e tamén onde as taxas de paro femininas son máis baixas, por debaixo do 5%".

Os países do Sur: Italia, Grecia e españa (con excepción de Portugal, que smepre tivo unha taxa de actividade alta) teñen as taxas de actividade feminina máis baixas, as taxas de paro máis altas e a menor porcentaxe de gastos en protección social en relación ao PIB.Tal é así que o estado español é o segundo da UE con menor gasto en protección social (20,2% do PIB), só por diante de Irlanda, que unicamente destina o 14, 1%, mentres que a media estatal está no 27,3%. Países nórdicos, Francia e Alemaña están no 30%.

Canto a gastos sociais en familia, o estado español só destina arredor do 0,2% do PIB, mentres que a media comunitaria está no 1,8%. No caso galego, López Gromaz sinalou que dentro de Galiza as diferenzas por sexos son considerábeis. "Mentres o 63,8% dos homes con máis de 16 anos está en activo, no caso das mulleres esta porcentaxe é só do 45,5%, 18,3 puntos menos".

Estas cativas taxas de actividade feminina conviven en Galiza cunhas baixas taxas de ocupación. O 36,8% das mulleres con máis de 16 anos están ocupadas, fronte a 58,1% de homes, 21,3 puntos de diferenza. Ademais, no caso das mulleres abunda o traballo na economía somerxida, aínda que non se poda cuantificar. No último ano, o emprego feminino que se creou foi asalariado, fundamentalmente, aínda que descendeu o número de empresarias e autónomas nun 3%.

A taxa de temporalidade tamén é un dato relevante da situación laboral das mulleres. Entre os homes deuse un descenso en case un punto, mentres que entre a mulleres medra desde un 36,8% no ano 2003 a un 37,7%, no 2004. Comparando coa media europea as diferenzas son abismais. O estado español é o país que presenta unha taxa de temporalidade maior. Para o ano 2003 a media comunitaria estaba no 12,8% (11,8 entre os varóns, 13,9 entre as mulleres), no Estado español no 30%: 28,6% os homes; 33,5 as mulleres. O seguinte país coa maior taxa de temporalidade entre as mulleres é Portugal cun 22,3%

Non só as distancias na taxa media son alarmantes, 17,2 puntos; tamén entre sexo son importantes: a diferenza entre a temporalidade no emprego das mulleres e dos homes é de 2 puntos na media comunitaria; en Galiza son 6 puntos.

Diferenzas salariais
Hai fortes diferenzas salariais por sexos e hai diferenzas por tipo de contrato. As mulleres cobran unha de media dun 27% menos que os homes. Un asalariado con contrato temporal gaña un 36% menos que o seu homólogo cun indefinido. As mulleres cun contrato temporal son as que menos cobran: un 26% menos que un home con contrato temporal; un 34% menos que unha muller con contrato indefinido; un 42% menos que un asalariado medio galego; case a metade (un 48% menos) do salario dun home cun contrato indefinido.

Produciuse un importante medre do desemprego; rematou 2004 cun 9% máis de persoas paradas que o ano anterior, aínda que en termos relativos foi maior o medre entre os homes que entre as mulleres, e en valores absolutos medrou máis o paro feminino. Máis do 62% das persoas desempregadas en Galiza son mulleres. Con estes novos datos a taxa de paro entre as mulleres sitúase no 19,1% e entre os homes no 9%, máis do dobre. O Estado español volve liderar o ranking europeo. Para o ano 2003, a taxa media de paro feminino situábase no 8,8%, no estado español no 15,8% e en Galiza no 18,3%.


0/5 (0 votos)