As eivas nos traballos de limpeza e descontaminación agravaron os danos medioambientais provocados pola catástrofe, especialmente en espazos naturais protexidos, segundo denunciou fronte á comisión de investigación da crise do Prestige o voceiro da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. Adega lembra que hai significativas cantidades de fuel en cantís, fondos ou areais.
"Ninguén que pretenda dicir a verdade pode defender que estamos nunha situación de normalidade", subliñou Martiño Nercellas fronte á Comisión, advertindo do "grave problema ecolóxico" que supoñen as grandes cantidades de fuel que non foron recollidas. O ecoloxista lembrou a situación en lugares coma as praias do Rostro e Nemiña ou a recente aparición de chapapote por baixo da area de areais en Carnota.
Nercellas criticou especialmente que a consellería de Pesca insista en descartar relación entre a diminución de recursos e a catástrofe do petroleiro e advertiu que está demostrado que a contaminación neste tipo de casos pode brincar entre os niveis tróficos dos ecosistemas, e que deica agora está probado que as especies máis sensíbeis que están na base dos ecosistemas mariños se viron profundamente afectadas. Dende Adega lembran que anos despois da catástrofe do Mar Exeo na ría da Coruña, os estudios amosan que a pesca de baixura aínda non se recuperou e aínda se atopa petróleo mesturado con sedimentos.