Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DOUS MILLEIROS DE BUQUES DEBEN DEIXAR OS MARES

Sen présa pola eliminación dos petroleiros monocasco malia a entrada en vigor da norma que esixe a retirada

"Foron necesarios demasiados accidentes para que esta normativa entre en vigor a nivel mundial", critica Sebastián Losada, responsábel da campaña de Oceános de Greenpeace. Apenas medio cento de petroleiros monocasco deixaron de navegar nos dous últimos anos e non se agarda que sexan moitos máis de cen os que vaian para o desmantelamento durante o 2005. Na actualidade son arredor de 1.700 os buques deste tipo que navegan por todo o mundo e que coa entrada en vigor da norma da Organización Marítima Internacional este martes, deberán ser retirados antes do 2010. Contámoslles tamén do problema dos "sentinazos" nas costas galegas e dos efectos do Prestige nas Illas Atlánticas.

- 08:41 05/04/2005
Tags:

Dende o colectivo ecoloxista Greenpeace pídenlle á Unión Europea que inicie medidas urxentes cos monocascos que controla, que deberían incluír a elaboración dunha lista de todos aqueles petroleiros que se verán afectados polo calendario de eliminación esixido pola OMI que entra en funcionamento este martes. Lembrámoslles que mesmo existe preto de medio milleiro de petroleiros dos que non se dispón de información sobre o seu tipo de casco. A asociación lembra que máis da metade dos 3.500 buques cos que conta a industria petroleira son do tipo monocasco, aos que xa non se lles permite o transporte de hidrocarburos pesados.

Na opinión de Greenpeace, son máis de 1.100 os petroleiros que "reúnen as condicións necesarias para seren retirados do mercado do petróleo en 2005". Destes, un total de 334 teñen bandeira da Unión Europea ou son propiedade de compañías comunitarias.

"Xa en 1989, cando se produciu o accidente do Exxon Valdez, era evidente que os buques monocascos eran perigosos e debían ser retirados. Porén, tivemos que sufrir varias mareas negras máis que provocaron incalculábeis danos medioambientais, para vencermos a feroz resistencia da industria navieira", denuncia Losada, "o comportamento das empresas navieiras e petroleiras foi inaceptábel. Que o Exxon Valdez siga navegando é mostra de ata que punto son irresponsábeis". Ao tempo, os ecoloxistas advirten que o desmantelamento destes petroleiros debe considerarse coma eliminación de "lixo tóxico" o que impide que poidan ser exportados a países pobres, manobra que os colectivos temen que se produza.

A situación nas Illas Atlánticas logo do Prestige
Contámoslles de paso da visita este luns dos deputados da Comisión Prestige ao complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, dous espazos protexidos fortemente afectados polo fuel do Prestige. Segundo recoñeceu o goberno galego, malia a recuperación que amosan os lugares, seguen sendo foco importante das contaminacións continuadas producidas polos "sentinazos" os pequenos vertidos realizados premeditadamente polos buques que navegan pola zona para limpar os seus tanques.

Á beira, dámoslles conta da avaliación oficial da situación no Parque das Illas Atlánticas, onde sumaría unha hectárea o espazo aínda afectado polo fuel Prestige, que está sendo tratado con técnicas de biorremediación.


Ligazóns

0/5 (0 votos)