Seis de cada dez emigrantes que marchan do Estado son galegos, segundo datos do ministerio de Traballo. Oito de cada dez emigrantes españois en Europa proceden de Galiza, advirte o Consello Económico e Social. Dende 1990 máis de 175 mil galegos deixaron o país na busca de terras máis prósperas. Cando traemos á primeira plana estes datos sempre revolve na memoria aquela vella frase de Castelao: "O galego non protesta, emigra". A comezos do febreiro de 2003, os cidadáns respondían masivamente a unha mobilización na Coruña. Aló, centos de maletas pousadas no chan do peirao debuxaban dúas palabras: "Nunca Máis".
"(...) as migracións son feitos históricos e quen emigran, xeralmente o fan baixo condicións de forza maior ou ante a indiferencia e incluso complacencia das autoridades de vez, e que quen así o fixeron co seu esforzo e renuncia, permitiron que se puideran repartir entre menos persoas os escasos recursos existentes no país que deixaron". Así comezaba o manifesto de Fillos de Galicia ante as eleccións ao Parlamento Autonómico de Galicia en outubro de 2001.
As cifras que eran válidas daquela seguen hoxe de actualidade. Seis de cada dez emigrantes que marchan do Estado son galegos, segundo se recolle no último anuario de Migracións do Ministerio de Traballo, que deixan á nosa comunidade
na cima da estatística dos que marchan buscando terras máis prósperas. Hai que considerar ademais que as cifras non inclúen a chamada "emigración de tempada" nin os mariñeiros embarcados en buques de bandeira estranxeira.
Á beira de ser a nosa comunidade a rexión con maior emigración a outros estados da UE, hai que subliñar tamén que a maioría dos galegos que marchan fanno a outras autonomías.Así, Madrid, Cataluña e Andalucía son os principais receptores dos nosos traballadores. Os datos recollidos polo Consello Económico e Social amosan que oito de cada dez emigrantes españois en Europa proceden de Galiza. Ao tempo, o CES advirte das altas taxas de desemprego e da "evolución desfavorábel en relación á media estatal".