"A ineficacia, pola insuficiencia de medios e recursos humanos, da actuación inspectora", o aumento de riscos pola "sucontratación" de servizos ou a "connivencia da Xunta coas malas prácticas de moitos servizos de prevención alleos que asesoran a unha gran parte das empresas", están entre as causas das mortes acontecidas este mércores en Navantia, segundo denuncia do comité nacional de CCOO en Galiza. Ao tempo, xunto con CIG, UXT e USTG piden a realización dunha auditoría externa sobre o acontecido e chaman a un paro de catro horas na comarca de Ferrol para a mañá deste venres.
As propias investigacións da empresa e as das autoridades xudiciais non son abondo, segundo os sindicatos, fronte á gravidade do acontecido, e por iso unen a súa voz para solicitar unha auditoría que de xeito independente avalíe o acontecido. Ao tempo, acordan un paro este venres dende as 11h30 e unha concentración diante do Concello ás 12h.
Dende CCOO lembran que Navantia, "coma todas as principais empresas da construcción e reparación do naval en Galiza, subcontratan unha parte moi importante dos traballos e con iso externalizan os riscos". Segundo o sindicato, o persoal das empresas contratadas, ademais moitas veces con contratos precarios, "convértese no elo máis feble da cadea de produción, ao aceptar condicións de traballo que o persoal fixo pode rexeitar". Comisións denuncia tamén que as empresas subcontratadas "alén do cumprimento formal, non teñen debidamente incorporada a prevención de riscos nas súas actividades".
Por outro lado, o sindicato é especialmente crítico coa "ineficacia, por insuficiencia de medios e recursos humanos, da actuación inspectora tanto da Xunta de Galiza como da Inspección de Traballo, e a conivencia da Xunta coas malas prácticas de moitos dos servizos de prevención alleos que asesoran unha gran parte das empresas".
Dende a CIG insisten en que se actúe "con dilixencia" e ao respecto, o seu secretario xeral, Suso Seixo, advertiu que "estamos afeitos a que a fiscalía actúe contra os traballadores, con toda dureza, pero logo en conflitos destas características, onde hai mortos por medio, normalmente se procede con bastante benevolencia cos empresarios".