Estes días a Consellaría de Política Agroalimentaria está levando adiante unha campaña de envíos postais masivos para asegurar que ningún recuncho de Galiza quede sen ler a súa nova revista. A publicación chámase 'Galicia Rural. A revista do mundo rural galego' e edítaa directamente o departamento de Santiso Miramontes. No seu primeiro número fálase de todo un pouco relacionado co agro, pero destacan as páxinas centrais adicadas a ensalzar o talante dialogador do conselleiro. Tamén hai espazo para que Manuel Fraga radiografe a transformación vivida polo rural galego "co apoio indubidable da administración". Ademáis Fraga aproveita para vender as bondades do 'Plan Galego de Desenvolvemento Rural. A Galicia do 2020' que, segundo el, dará a oportunidade de poñer o agro galego "entre os máis desenvolvidos da Unión Europea". É tempo de vender.
Na súa análise Fraga ofrece datos da evolución na última década do sector leiteiro, sobre o que dí que se ten realizado "unha progresión moi razoable, nun contexto moi difícil". Os datos ofrecidos polo presidente da Xunta indican que os gandeiros galegos "cada vez teñen máis importancia no contexto nacional". Porén, a entrevista non recolle os datos relativos que permitan comparar a evolución interna do sector leiteiro galego entre o 1995 e o 2005 nin o custo social e económico que supuxo a súa reconversión.
Todas as melloras experimentadas pola gandería de leite son froito, segundo Fraga, "do esforzo investidor do sector co apoio indubidable da administración, non só no referente ás múltiples axudas directamente relacionadas con este sector senón á mellora xeral polas múltiples infraestruturas realizadas e que van desde vías de comunicación ata a posta a disposición do rural das novas tecnoloxías."
A revista Galicia Rural edítase desde a Consellaría de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Na súa carta aberta de presentación o conselleiro José Antonio Santiso Miramontes indica que é "unha nova canle de comunicación que nos permita afondar na que consideramos necesaria proximidade con todos vós". De feito, as páxinas centrais da revista presentan unha reportaxe fotográfica que ensalza ao Conselleiro. Para apoiar as fotos hai un pequeno texto que dí, entre outras cousas: "...Os encontros cos traballadores do agro e os seus representantes son unha constante no día a día do Conselleiro, nos que escoita as súas demandas, coñece as súas expectativas e analiza con eles os logros acadados".
O dito, é tempo de vender.