Malia expresar a súa beizón ao pacto entre PSOE e BNG se os resultados do 19X o permiten, o alcalde da Coruña, que tén amosado o seu disgusto por esa posibilidade, avanzou nos micrófonos da Cadena Ser outra opción: a negociación dos socialistas cunha potencial escisión do PP unha vez que este partido perda a maioría absoluta.
Non hai moitos días que o alcalde coruñés disparaba unha vez máis contra a liña oficial do discurso da dirección galega do partido e advertía que "no horizonte dos socialistas galegos non entra outra alternativa que non sexa un goberno en solitario e co noso propio proxecto". Os recados de Francisco Vázquez foron respondidos esta mesma semana polo secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, quen lle lembraba a boa marcha do goberno de coalición que PSOE e BNG manteñen na Deputación da Coruña.
Pero as reflexións do alcalde introducían este venres, en entrevista na Cadena Ser, outra nova posibilidade de matemáticas electorais. Segundo Vázquez, a perda de maioría absoluta do PP abriría para ese partido "unha crise profunda en Galiza e en España" que con toda probabilidade levaría na súa opinión, a unha "escisión" no PP galego. Iso abriría, di Vázquez un novo e "atrativo" escenario de negociacións. "Non hai ningún pacto preconcebido", advertiu o socialista herculino que tamén lembrou a súa propia experiencia de negociación cos populares a nivel local. En todo caso, e logo destas recomendacións, subliñou que el apoiará o que decida o candidato Touriño.
En resposta a esas declaracións, o secretario xeral do PPdeG, Xesús Palmou, cualificou esas ideas de "mandangas" e asegurou que os populares "asumirán unidos os resultados", sexan cales sexan. "Os desexos de Vázquez non se farán realidade", afirmou.