A necesidade de afondar en estratexias reivindicativas e de mobilización dos traballadores para cambiar a mala situación da clase traballadora galega foi prioridade destacada no discurso de Suso Seixo, escollido outra vez como secretario xeral. Na votación para a executiva, a lista de Seixo tivo o apoio de 398 votos e acadou nove representantes para a nova executiva confederal. A candidatura encabezada por Manuel Currás Meira, obtivo 110 votos e dous representantes, e finalmente a de Xosé Francisco Miranda Vigo un representante con 42 votos.
Seixo destacou no seu discurso a necesidade dun "novo marco político para Galiza " e asegurou ser imprescindíbel "a reivindicación de maior soberanía para o noso país como forma de garantir un desenvolvemento económico e social que sexa real e autocentrado". Logo de ser escollido outra vez para ocupar a secretaría xeral da CIG, repasou as dificultades que enfronta o sindicalismo "nun escenario sociolaboral marcado polo desemprego, a emigración, a precariedade, os altos índices de sinistralidade laboral, o recorte das prestacións sociais e do poder adquisitivo dos salarios, a deterioración e privatización dos servizos públicos, os intentos de reforzar o marco estatal de relacións laborais, así como un escenario de desencontro entre o modelo sindical da CIG e o do sindicalismo estatal".
Ao respecto pronunciouse a favor dun escenario posterior ás eleccións do 19de xuño onde "o peso e a política do futuro goberno galego estivera dirixida polo nacionalismo, se queremos ter garantía de que se van pór nun primeiro plano e que se lle vai intentar buscar solución, aos problemas reais que ten Galiza".
No seu discurso, destacou tamén a creación da caixa de resistencia, cunha dotación inicial de 360 mil euros, destinada a compensar economicamente as perdas salariais dos traballadores en folga.