Ata os 36 escanos caería o apoio ao Partido Popular en Galiza, segundo o estudo realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), cinco escanos menos dos que tén na actualidade que lle quitarían a maioría absoluta, fixada no límite dos 38 deputados. A suma de PSdeG e BNG tería así aberto o camiño a unha alianza parlamentaria onde, segundo o CIS, a nova distribución de forzas sería de 23 escanos para os socialistas e 16 para os nacionalistas. A enquisa realizouse entre o 29 de abril e o 11 de maio. Nas primeiras reaccións, o PP invoca o voto emigrante, o BNG ve confirmado o seu avance e o PSdeG destaca o desexo de cambio político dos electores galegos.
Un total de 110 mil votos máis conseguira o PP hai catro anos, co 51,6% das papeletas, mentres BNG e PSOE quedaban respectivamente no 22,6% e 21,8%. Segundo o agoiro do CIS, o cambio de escenario neste período implica a caída de seis puntos porcentuais na intención de voto ao PP, deica o 45,6%, mentres a oposición pasa a sumar o 53,4%.
A provincia da Coruña será clave na redistribución de forzas no Parlamento galego, xa que o CIS dálle ao PSOE a vitoria, co 34,9% dos votos, apenas tres décimas por riba do PP que lle permitirían chegar aos 10 asentos, por 9 dos populares. Lembrámoslles que en 2001 os socialistas quedaran aquí nos seis escanos, por doce dos populares. Á beira, o BNG sufriría un pequeño retroceso que lle faría perder un deputado coruñés, quedando en 5.
O BNG permanecería estábel en Pontevedra con 5 escanos, provincia onde o PP caería por baixo do 50% de apoios e sufriría a perda doutro deputado, en beneficio do PSOE, que pasaría a sumar 6 fronte aos 11 dos populares.
A outra variación produciríase na provincia de Lugo, onde o PP caería do 56 ao 53,3%, perdendo un deputado, de nove a 8, mentres o apoio aos socialistas con nova referenza no goberno local lugués subirían o apoio en seis puntos pasando aos 4 asentos. O BNG mantería os seus 3 en Lugo.
Finalmente, Ourense sería, segundo o CIS, a única provincia onde a correlación de forzas se mantén estábel, malia prognosticar unha caída porcentual popular aínda maior ca no feudo veciño de Cacharro: 8 para o PP, 3 para o BNG e 3 para o PSOE, aínda que a diferenza de 2001, os socialistas pasarían a ser a segunda forza máis votada, por diante do Bloque.
Desexo de cambio de goberno na Xunta
As espectativas de cambio político en Galiza están consolidadas na maior parte da sociedade galega. Case un 60% dos galegos vería desexábel un cambio de goberno na Xunta, fronte ao 26,7% que quere que as cousas sigan como están. O desexo do cambio concrétase ademais na percepción maioritariamente positiva da posibilidade dun pacto de goberno entre BNG e PSdeG. De feito, máis dun 37% está a favor dun goberno de coalición, fronte ao 33,9% que se mostra en contra. Máis rotundos se mostran os entrevistados ante a posibilidade de entendemento entre o BNG e PSdeG: o 41% pensa que serían quen de poñerse de acordo e gobernar xuntos en Galiza, fronte un 28% que cre que non. O desexo de cambio contrasta coa cifra dos galegos que considera, non obstante, que o PP vai gañar as eleccións. O 60%, a mesma porcentaxe dos que queren un cambio, cren que non se vai producir.
Os galegos critican maioritariamente a xestión de Fraga
Máis do 73% dos entrevistados considera que o Partido Popular debería ter elixido outro candidato á presidencia da Xunta en substitución de Fraga. De feito, son moitos máis os galegos que pensan que o actual presidente da Xunta non só non debería repetir como candidato, senón que critican abertamente a súa xestión nos últimos 4 anos. O 66,7% dos entrevistados cren que a xestión de Fraga foi regular, mala ou moi mala, fronte o 31% que considera que foi boa ou moi boa. Con todo, o 30,4% prefire que o próximo presidente da Xunta sexa Fraga; o 27,5%, Touriño e o 14,2% Quintana.