Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
G>2005

Resposta do PP á enquisa do CIS: entre o descrédito, a incerteza e esperanza do voto exterior

O conselleiro de Política Territorial quitoulle importancia á sondaxe do CIS, ao que acusou de ter perdido a credibilidade. Feijoo destacou en todo caso que a enquisa ponlle preto ao PP a maioría absoluta. Na mesma liña se pronunciou o voceiro popular no Congreso, Eduardo Zaplana, quen engadiu que o CIS non inclúe a análise do voto emigrante, que en 2001 "deulle dous escanos ao PP".

- 12:52 31/05/2005
Tags:

Feijoo trouxo a primeiro plano os prognósticos do recente referendo sobre a Constitución Europea, onde o CIS agoiraba un 70% de participación que finalmente foi de trinta puntos menos, e as anteriores eleccións europeas, onde o CIS preveu cinco puntos de vantaxe para os socialistas que á fin quedaron en dous puntos. Segundo o vicepresidente primeiro da Xunta, o Centro de Investigacións Sociolóxicas, dependente do goberno central, tería perdido credibilidade dende a chegada ao executivo dos socialistas.

Lembrámoslles en todo caso que a sondaxe do CIS fora en 2001 unha das que máis se achegara no seu prognóstico ao que logo foi o resultado final da votación do 20 de outubro. Daquela agoirou que o PP se movía no abano de 39-41, o BNG entre 18-20 e o PSOE entre 15 e 17 e os electores decidiron finalmente unha distribución de 41, 17 e 17.

Tamén crítico co CIS foi Eduardo Zaplana, voceiro do PP en Madrid, quen preferiu en todo caso destacar a proximidade que da maioría absoluta amosa a sondaxe e introducir un novo factor para a reflexión: a enquisa non avalía o impacto do voto exterior, que en Galiza foi determinante hai catro anos para decidir o reparto de ata dous escanos en desputa.


0/5 (0 votos)