Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PSdeG E BNG NEGAN QUE AVANZASEN AS NEGOCIACIÓNS

Faro de Vigo anuncia a marcha Pérez Mariño, que abre a porta a unha moción de censura

Segundo publica o Faro de Vigo este xoves, o PSdeG tería acordado xa co seu concelleiro e voceiro municipal Ventura Pérez Mariño un novo destino que o levaría fóra do Concello. O movemento produciríase despois das eleccións autonómicas, independentemente do resultado destas, e abriríalle as portas a unha moción de censura que apartaría á popular Corina Porro da Alcaldía en favor da concelleira e deputada socialista María Xosé Porteiro. Os responsables do PP temen que, de producirse un cambio de goberno na Xunta, se propiciaría un clima de entendemento no ámbito municipal entre as forzas progresistas que poría en perigo a súa permanencia na Alcaldía.

- 12:13 09/06/2005
Tags:

O anuncio da posible marcha da política municipal do ex-rexedor vigués prodúcese en plena campaña electoral e abre unha expectativa de cambio entre os electores que apostan por un goberno cun pacto progresista. Nas últimas sesións plenarias celebradas en Vigo, PSdeG e BNG aliáronse para rexeitar proxectos do PP e impediron que prosperasen ao gobernar en minoría.

Fontes do PSdeG afirmaron que os responsables do PP pretenden infundir medo entre os electores vigueses cando reiteran de forma constante nas súas comparecencias públicas ante os medios de comunicación que, de producirse un cambio de goberno na Xunta, se propiciaría un clima de entendemento para a presentación dunha moción de censura que poría en perigo o proxecto dos populares para a cidade ao acadar as forzas progresistas a recuperación da Alcaldía.

Dende o grupo municipal socialista restáronlle importancia á información publicada, que cualificaron de "pouco seria e falta de rigor, xa que Pérez Mariño se atopa moi tranquilo e quere continuar co seu labor na administración local, onte mesmo instou á alcaldesa a defender o traslado da Consellaría de Pesca en beneficio da cidade e hoxe participa en Madrid como convidado nunha homenaxe radiofónica a Adolfo Suárez".

O grupo municipal do BNG eludiu realizar valoracións, se ben recoñeceu que "nunca antes o PSdeG se brindara a colaborar cos nacionalistas como agora", o que pode entenderse como unha escenificación dun posible entendemento extrapolable ao goberno autonómico se o PP non consegue a maioría absoluta nos comicios electorais. "O posicionamento do BNG sobre a presentación dunha posible moción de censura en Vigo é ben coñecido", sinalaron fontes nacionalistas en alusión ao necesario cambio de "alcaldable" para recompoñer o pacto de goberno municipal e desposuír a Corina Porro da vara de mando.


0/5 (0 votos)