Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Marcelino Fernández Mallo: Cabilia

Unha bomba atómica

Cabilia
Marcelino Fernández Mallo
Primera Persona, A Coruña, 2005. 194 páxs., 14 €

É esta a primeira incursión na literatura do coruñés Marcelino Fernández Mallo. Antes xa publicara en castelán o libro De la peseta al euro, pero preferimos non ter tal efeméride como indicativa de nada dentro do seu labor literario.

- 17:38 10/06/2005
Tags:

Así as cousas, valorando o libro como tal opera prima que é, deixámonos levar por unha sensación de sorpresa polo resultado acadado. Dá a sensación de estarmos ante un escritor xa curtido e cun estilo propio, ben definido, sen as vacilacións típicas das primeiras publicacións. Os relatos están tinguidos dunha forte personalidade, imaxinación e tamén orixinalidade moitos deles. Este autor é un estoupido de enerxía creativa e afouteza no desenvolvemento das súas historias, algunhas das cales merecerían ser inseridas dentro dalgunha posible antoloxía da narrativa curta dos últimos tempos.

A xenialidade vén, por exemplo, dos puntos de vista que adopta nalgún dos relatos. Léase con especial interese "A apaixonante vida de Amalia", onde as protagonistas son as vacas e todas as súas arelas existenciais e conflitos raciais. Relato moi fino, cun humor de fondo moi "galego-retranqueiro".

Ademais da virtude do humor vese que Fernández Mallo controla moi ben a técnica narrativa. Os seus relatos son unha bomba nuclear contida que paseniñamente se vai preparando para o estoupido final, nunha temporalización que se ofrece con mestría e con coñecemento do que se ten entre mans.

A terceira gran virtude que lle vexo a estes textos de Cabilia son certas pasaxes que se me antollan memorables. Coido que o que se aprecia é un talento innato que reborda en determinados momentos, dando esa sensación de estar ante boa literatura.

Mais que ninguén pense que esta literatura, que dende o noso punto de vista é estimable en grao sumo, é unha literatura pensada co ánimo de abraiar ao lector polo seu cripticismo técnico ou temático. Non, é literatura de consumo, boa literatura de consumo que complementa o interese para un lector medio non ilustrado na obra de Kant ou de Sartre, coa plasmación dun estilo e un contido interesante e asequible.

Nestas datas de calor, á sombra dunha árbore, entraría polos poros.


5/5 (2 votos)