Dende o inicio da campaña electoral o dramaturgo de Carreira (Ribeira), Quico Cadaval, participa no especial electoral de Vieiros redactado un blog. Nel achega a súa persoal visión da campaña electoral e do momento histórico que estamos a vivir en Galiza pero agora, para Vieiros, fala tamén do posible resultado electoral e dos erros do partido que gobernou o país durante catro lexislaturas. Unha entrevista de Ana Triñanes.
Que che levou a escribir un 'blog de campaña'?
Foi tan sinxelo como que me convidara o director de Vieiros a facelo, Anxo Quintela. Aceptei porque a escrita mecánica é un dos meus problemas e como ademais nun blog non tes que ter coñecementos específicos sobre o tema que tratas... vin que podía estar ben.
Este é o primeiro blog que escribes, que tal a túa relación coas novas tecnoloxías?
Ben, de feito tiña pensado facer un blog, destes que segundo lin unha vez che poden facer millonario. Seica nos Estados Unidos hai xente que ten tantas visitas e tanta publicidade no blog que se fai de ouro. E eu quería un blog así, íase chamar Como continuar fumando pero máis que un blog sería un manual. Ademais gústame internet porque é un instrumento ideal para aforrar libros, serviría para ver o interese que esperta un texto e saber se é ben pasalo ao papel.
Entrando xa na temática do teu blog, que importancia ten esta campaña electoral?
Ten a importancia de que cun cambio de goberno Galiza entra por fin na transición política, chega a fin do franquismo. Demostra o erro de Fraga, que foi o de presentarse ás eleccións, e preséntase para que poidamos derrotalo nas urnas porque se chega a morrer na cama sería un derrota colectiva terrible.
Que diferenza estas eleccións das anteriores?
Nas anteriores non se imaxinaba a derrota do Partido. Daquela o proxecto de Beiras deixara de medrar. A mediados dos 90 Beiras conseguiu que existira un inimigo na guerra de personalismos que se daba nas eleccións, tanto falaban os vellos de Fraga coma del, pero iso esgotouse nas últimas eleccións. Agora está demostrado, logo do Prestige e da derrota central, que o goberno galego non existe, senón que é un consello de administración. Unha vez que perderon o goberno central perderon tamén a autoridade.
Vai perder a maioría absoluta o Partido Popular?
Vai perder a maioría absoluta, sen dúbida. Fraga preséntase contra toda cordura e no PP evidencian o cambio cando falan, de feito entre falanxistas e opusdeístas xa non poden lindar máis a legalidade. Agora o enfrontamento é a esquerda fronte ao xogo suxo do PP, confudiron o Partido co Estado e ese é un erro que lles vai custar perder a maioría. Ademais agora maniféstanse sen proxecto, son mobilizacións puramente ideolóxicas: a das vítimas, a dos papeis de Salamanca e agora a do matrimonio entre homosexuais. Saben que van perder.
E que vai pasar o día 20?
O día 20 iníciase a transición política en Galiza, remata o franquismo e non interesa o que pase despois do 20. Non vale pensar se Touriño ou Quintana son bos ou non, o caso é que do que hai son o mellor. Fálase todo o tempo dun goberno de coalición dando por sentado que vai gobernar o PSdeG co apoio do BNG pero non ten por que ser así. Pode gobernar o BNG co apoio do PSdeG ou pode quedar todo en que o BNG simplemente apoie a investidura de Touriño. O máis alarmante é o que pode pasar se o PSdeG é quen ten que apoiar ao BNG, que pasaría? E tamén pode ser que goberne o Bloque co apoio do PP, ou non?
Se hai unha coalición tamén existe o medo a que pase algo coma 'o de Vigo', que opinión che merece a ti ese temor?
En Vigo o BNG cometeu o erro de deixar que a coalición fracasara, non con Ventura, senón co pacto entre Príncipe e Castrillo, o erro foi ese. E foi unha perda moi importante porque Vigo é o máis real que temos no país, en Vigo prodúcese, o resto de Galicia son meros escenarios. Sobre a xente que teña medo de que se produza o mesmo erro.. dame igual, porque Quintana non é Castrillo.