Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PECHE DE CAMPAÑA

'Pásao', a propaganda electoral da cidadanía

Papeleta electoral: 3 céntimos... Cervexa mentres agardas os resultados: 2 euros. Xubilar a Fraga co teu voto, iso non ten prezo... Non quedes na casa, vota. Pásao, así reza unha das múltiples sms que dende hai semanas circulan entre móbil e móbil e que tentan promover unha alta participación electoral para retirar ao Partido Popular do goberno da Xunta.

- 12:45 17/06/2005
Tags:

Pero a cousa non para aí, hai mensaxes moito máis líricas, como a que conta 20 de xuño de 2005: cando espertei o fragasaurio xa non estaba alí e mesmo directamente dirixidas ao eido académico, Suspende ao PP o 19 de xuño. Aproba ti o 20. Hai que botalos. 'Bota' por correo. E logo están tamén as sms de carácter humanitario, Por unha xubilación digna. Non á explotación da terceira idade. Xubila a Fraga co teu voto, O 20X, cando espertemos, o Dinosaurio xa non estará aí e, por suposto, todas as variantes dos anteriores modelos.

A actualidade tamén influiu no contido destas sms, por exemplo, a chegada do polémico avión arxentino xestionado polo Partido Popular daquelas terras e que nalgúns foros se deu en chamar "o carrexo polo aire" tamén foi obxecto de mensaxes a móbiles do tipo: O avion do PP chega esta madrugada a Lavacolla ás 4.57 AR 1980. Recibámolos. Que se saiba, que rule. HqB!.

E nesta ocasión Galiza vai máis alá dos movementos de influenza política xerados en internet ou vía móbil e estudados por Smart Mobs e achégase ata a cociña. Antes do día 19 un móbil dun galego calquera está a tempo de recibir unha sms cunha receita, Capón de Vilalba en PPtoria: cóllese un capón vello e cebado. Introdúcese nun despacho quente rodeado de chourizos de confianza. el só, na súa salsa, porase rico, rico, rico. Pásao (a mensaxe non o capón).


0/5 (0 votos)