Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
A HISTORIA REPÍTESE

O porto deportivo de Bueu destruirá a praia de Pescadoira

Luita Verde denuncia que a construción do porto deportivo de Bueu conlevará a destrución total do areeiro da praia de Pescadoira. Este proxecto, unido á ampliación do dique do porto pesqueiro realizada a finais da década dos noventa do século pasado, e que xa provocou de por si un grave impacto na zona, deixará unha bocana de entrada de augas moi reducida e o impacto por "efecto barreira" será drástico e irreversíbel no medio mariño, afectando a dinámica natural das correntes mariñas e anulando na súa práctica totalidade o aporte de areas e demais compoñentes dos fondos mariños a dita praia.

- 12:54 22/06/2005
Tags:

Pola magnitude ( de 433 amarres, sendo o terceiro máis grande de Galicia tras o de Sada e o de Ribadeo) e lonxitude dos espigóns proxectados (de cen metros cada un para dique e contradique), tamén cabe a posibilidade de que afecte a outras zonas próximas do litoral como os areeiros de Petís ou de Loureiro e Agrelo, polo cal e en conxunto debería haber como mínimo un estudio serio e exhaustivo de impacto ambiental na zona e na ría. Tamén contempla unha explanada de 18.300 metros cadrados e nela se reservará unha zona de varada de 3.300 metros cadrados e un aparcamento de 2.200 metros cadrados con capacidade para 178 automóbiles e ademais ocupará unha lámina de auga de case 52.000 metros cadrados para máis de media ducia de pantaláns.

Luita Verde culpa aos derradeiros gobernos municipais de Bueu e á Xunta de Galicia da degradación sistemática da praia de Pescadoira pois dende a ampliación do dique do porto pesqueiro non deron solucións efectivas a este problema e agora por engadido apoian e promoven o proxecto dun porto deportivo que provoca máis impacto, antepoñendo intereses políticos electoralistas e económicos da empresa privada (non é casualidade que nestes momentos goberne o PP en Bueu e na Xunta e que o conselleiro de Obras Públicas, Alberto Nuñez Feijoo viñera a presentar o proxecto hai escasos días e preto das próximos comicios autonómicos sendo o custe en principio da construcción do porto de 10.5 millóns de euros) á futurible e exemplarizante recuperación e conservación deste espacio natural e público anexo ao casco urbano.

Luita Verde propón como alternativa a eliminación da ampliación do dique portuario pesqueiro e rexeita a construcción do porto deportivo polo elevado impacto ambiental na zona.


0/5 (0 votos)