O blogmillo acolleu rapidamente e con alegría os resultados da emigración, e os blogs galegos fóronse actualizando ao longo da noite e da mañá de hoxe. A Regueifa, por exemplo, vencella a derrota de Fraga coa celebración do Día do Orgullo gai e lésbico, e titula unha fotografía do presidente en funcións da Xunta cunha frase que el fixo popular: Y no tengo nada más que decir. Pero este blog non é o único.
Botámolos, di O Quilombo, e María Todonada engade que comezou a transición, acompáñandoo co mp3 da sintonía, do filme Que vienen los socialistas. Tamén hai posts celebrativos, como o de Kaplan, titulado Nunc est bibendum, e algún de resaca, coma o de Cesare.
A poeta que se agocha co pseudónimo de María de Mallou reclama a liberdade, a deseñadora Orballo amosa o seu alivio cunha recua de porfins, e Arroaz recomenda que se vaian poñendo a recoller. Tamén fai referencia á derrota de Fraga o blog colectivo portugués Barnabé, Un dos blogueiros máis importantes, Martin Pawley, recolle unha cantiga do brasileiro Paulinho da Viola que remata cos versos Minha vez de sorrir chegou agora / Quem perde é quem chora / E você perdeu, perdeu.. E os Aduaneiros sem fronteiras escenifican cunha montaxe (na foto) o período de expresidencia que se abre para quen gobernou Galiza durante os últimos 16 anos. Dende a outra óptica, Manuel Baltar constata o posíbel mantemento do oitavo escano dos populares en Ourense.