ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTARÁ AO SERVIZO DOS CIDADÁNS

Nova web municipal para Carballo

Carballo ten unha nova web municipal. A páxina, que se presentou o venres no Concello, nace como unha ferramenta comunicativa para o goberno municipal e o tecido asociativo do municipio. Este espazo en internet creado pola empresa Acordar permitirá, asemade, axilizar as relacións entre os cidadáns e a administración municipal. Segundo o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a web incorpora diversas melloras con respecto da anterior, como "o seu deseño máis atractivo e sinxelo e a súa maior navegabilidade".

- 07:03 04/07/2005
Tags:

A nova web, creada pola empresa Acordar, supón un importante avance nas relacións da administración municipal cos cidadáns. Neste senso, a intención do goberno municipal pasa por poñer servizos administrativos a disposición dos usuarios de internet, seguindo os criterios de calidade, rigorosidade e inmediatez. Destacan neste eido a publicación da normativa e as xestións municipais, así como da cartografía do PXOM que pode consultarse en liña atendendo aos criterios de interese dos usuarios. Carballo súmase así aos avances da administración electrónica.

Na actualización da nova web municipal intervirá o persoal do Concello, cualificado e iniciado no manexo das novas tecnoloxías. Así, optimizaranse os recursos municipais e implementaranse os servizos destinados a mellorar a calidade de vida dos veciños a través da rede.

Esta páxina cumplirá un triple servizo informativo. Os seus contidos cubrirán a demanda dos profesionais da información, as asociacións do municipio e os cidadáns de Carballo. Estes últimos poderán coñecer en todo momento as novas do seu interese, os avisos, as convocatorias e mesmo a axenda de actos programados no Concello. Os usuarios que así o desexen poderán, asemade, subscribirse a estas informacións para recibilas puntualmente a través do seu correo electrónico.

O rico tecido asociativo de Carballo conta cun espazo de seu nesta nova web, co que se fomenta a creación dunha comunidade en rede. Cada unha das entidades do Concello –culturais, deportivas, veciñais...- disporá dunha páxina dende a que difundir o seu labor, mediante a publicación das súas propias novas.


0/5 (0 votos)