"Non se dispón de datos concretos", así o recoñecía a directora da institución oceanográfica na resposta enviada o mes pasado a Greenpeace, ao respecto dos efectos da pesca de arrastre sobre os ecosistemas mariños. Os ecoloxistas critican que o ministerio de Pesca asegurase recentemente que o arrastre "en ningún caso lle afecta a ecosistemas particularmente sensíbeis". Por outro lado, a Organización Pesqueira do Atlántico Norte, a NAFO, pediulle ao colectivo que deixe de acosar os barcos e leve as pancartas á porta das institucións políticas.
Os ecoloxistas lembran que a finais de 2004, e logo da campaña que daquela viña de realizar Greenpeace en denuncia deste tipo de prácticas pesqueiras, o ministerio de Agro e Pesca comunicara que o o arrastre de fondo en augas internacionais "é unha actividade perfectamente regulamentada" e dixese dispoñer de información que descartaba o impacto dos barcos implicados sobre os ecosistemas especialmente sensíbeis.
O colectivo decidiu daquela solicitarlle ao Instituto de Oceanografía eses presuntos datos sobre os ecosistemas vulnerábeis "coma corais de auga fría, corais brandos ou esponxas de profundidade nas zonas onde faena a flota española". A resposta oficial deste organismo, tal e como denuncian agora os activistas, "recoñece que a súa actividade orientada ao coñecemento do arrastre de fondo sobre o ecosistema é moi escasa" e mesmo que non teñen datos sobre a distribución de ecosistemas sensíbeis".
Greenpeace lembra que "este é precisamente un dos problemas máis graves que enfrontamos coa explotación pesqueira dos ecosistemas profundos". Segundo explica Sebastián Losada, responsábel da campaña de Océanos, "pescamos nestas zonas sen saber practicamente nada sobre a súa ecoloxía nin sobre a bioloxía das súas especies". Losada advirte que o resultado disto "é unha xestión desastrosa onde a industria pesqueira vén esgotando os recursos un atrás do outro".
Resposta da NAFO
Dende a NAFO emitiron un comunicado esta semana rexeitando as denuncias dos ecoloxistas e insistindo en que o propio sector pesqueiro "é o máis interesado" en manter as condicións dos ecositemas do Atlántico Norte, lembrando a elevada importancia económica da actividade dos barcos de pesca nesta zona. Aseguraron ao fío que se trata dos caladeiros "máis controlados" e detallaron que no seu contorno navegan de xeito continuo "tres buques de inspección" que en moitas ocasións soben aos pesqueiros para documentar as capturas e asegurar que non existen irregularidades.
Lembrámoslles que Greenpeace teima coa súa última campaña, iniciada a finais do mes de xullo, para acumular datos sobre o impacto dos arrastreiros, en apoio da petición pública co aval de máis dun milleiro de científicos de todo o mundo e de ducias de colectivos ecoloxistas que avalan a protesta, entre eles a propia Federación Ecoloxista Galega, para que a ONU recomende paralizar esta actividade ata que a comunidade científica determine que áreas deberían ser obxecto dunha protección especial. Ademais dos barcos galegos seguidos estes días para chamar a atención da opinión pública sobre os efectos do arrastre, Greenpeace tamén documentou a actividade de buque de Canadá, Islandia ou Lituania, entre outros países.