Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ATLETISMO

A viguesa que conquistou Colorado Springs

Susana Rodríguez é un atleta viguesa de 17 anos que a comezos de agosto se desprazou aos Estados Unidos para participar nos Campionatos do Mundo de Deportes para Mozos Cegos, en Colorado Springs. A súa actuación nos 400 metros non foi o suficientemente boa como para poder meterse na final pero nos 100 metros (xunto aos 200 a proba para a que Susana está mellor cualificada) non só conseguiu entrar na final, senón que nesta se fixo coa prata e proclamouse subcampiona do mundo. En setembro comeza de novo o traballo pero agora, mentres descansa en Vigo, Susana Rodríguez falou con Vieiros.

- 11:25 25/08/2005
Tags:

En primeiro lugar felicidades por esa segunda posición. Cóntanos como foi a experiencia?
Foi todo moi especial, non só polos logros deportivos senón tamén porque coñeces a moita xente, atletas de lugares moi distintos e o ambiente era moi bo. Logo trouxen, ademais, unha recompensa ao meu traballo como é a de proclamarme subcampioa. Agardaba facer un bo traballo pero non agardaba este resultado, de feito eu non souben en que posición cruzara a meta porque corría pola pista 1, é dicir que tiña a todas as demais atletas á miña dereita e precisamente o ollo dereito é o que non emprego, así que cando rematou a carreira e me dixeron que fora segunda a emoción foi inmensa.

Despois dun logro coma este os teus obxectivos na competición son diferentes? E sobre todo, cal foi o camiño que seguiu Susana Rodríguez para agora ser subcampioa?
Os meus obxectivos para a seguinte tempada céntranse no Europeo de menores, no que irei a por todas e en conseguir meterme no mundial absoluto, que se celebra en Holando, e no que, de chegar, posto que a competición xa é moito máis complicada, tentarei facelo o mellor posible. Canto á miña traxectoria, comecei no atletismo aos 9 anos, no encontros interescolares que se celebraban en Madrid e que se dividían nunha xornada de competición (pola mañá) e noutra de encontro entre escolares, xogos, etc. (pola tarde). Polo camiño fixen algo de natación pero centreime no atletismo.

Cales son as principais dificultades coas que te tes atopado?
Pois os primeiros anos o problema era que aínda non nos integrábamos nos clubes, así que adestraba moi pouco porque requería desprazarme ata Pontevedra. Logo xa comecei a formar parte dun club, pero sempre clubes de atletas videntes, entón aí a dificultade é que che acepten. Eu chego explicando que son atleta, que quero adestrarme pero que teño unha deficiencia visual e na maior parte dos casos a resposta é que hai xa moito traballo extra, demasiados atletas adestrando, etc. Ata que cheguei ao Sporting Club Comesaña, onde a persoa que agora me adestra foi tamén a que tivo máis interese en que quedara, axúdame, ensiname, etc.

E como está a cousa canto a infraestruturas, axudas, etc?
As infraestruturas non están no mellor estado posible pero os atletas temos que traballar co que hai. No referido ás axudas, no caso dos deportistas con algún tivo de dificultade física aínda temos menos apoio que os deportistas sen ningún 'handicap'. Dende o cambio de goberno e tal e como prometera o equipo de José Luis Rodríguez Zapatero levouse a cabo un Plan ADO Paralímpico, o cal é un paso importante, pero aínda hai que ver como funciona, cales son as axudas, cantos deportistas se poden ver favorecidos por elas, etc. Logo Galiza ten un problema importante tamén que é o de que aínda hai moi poucos deportistas cegos, por exemplo, e iso é unha das causas que impide que se poida levar a cabo un campionato coma o Campionato Catalán. O baixo número de deportistas cegos en Galiza fai tamén que recibamos aínda menos axudas, que sexamos menos visibles para a administración.

Se comezou a moverse algo co cambio de goberno no estado, cres que pode acontecer o mesmo co cambio de goberno na Xunta?
Pois non o sei. Como xa comentei a nivel de España está o Plan ADO Paralímpico pero aínda non se sabe moi ben en que consiste ou como funciona. Agardo que si haxa algún tipo de cambio en Galiza tamén e creo que o fundamental é que o goberno da Xunta se achegue a nós, aos deportistas con algún tipo de discapacidade non só para recibirmos axudas senón tamén para que se promocione este tipo de deporte e que dese xeito os deportistas galegos sexamos máis visibles.

Para toda a xente que non coñece como é unha carreira de atletas invidentes, podes explicar as diferencias que existen cunha carreira de videntes?
As diferencias son formais. En primeiro lugar os atletas divídense por categorías segundo o seu grao de invidencia. Está a categoría B1, para atletas con cegueira total e que sempre teñen que levar guía, a categoría B2 que é a miña e que supón un nivel de invidencia intermedio co cal levar ou non levar guía é opcional, e finalmente está a categoría B3, para persoas que ven mal pero non precisan guía en ningunha circunstancia. No meu caso por exemplo, corro case sempre sen guía pero o meu principal problema é a luz, así que os días de moito sol, por exemplo, necesito levar guía na carreira. Noutros deportes, como pode ser o salto, o atleta leva un guía sonoro, que é o propio adestrador.


1/5 (1 votos)