Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA CON XAVIER SIMÓN, ECONOMISTA

"A sabedoría tradicional é imprescindíbel para atallar os problemas do campo galego"

Xavier Simón, doutor en Economía pola Universidade de Vigo, é especialista en economía ecolóxica e agroecoloxía. Actualmente prepara para Ponte nas Ondas! un informe sobre os beneficios sociais e económicos derivados da posta en valor da tradición oral vencellada ás actividades agrarias e do universo festivo, lúdico e de lecer, dous dos cinco ámbitos nos que está estruturado o Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

- 08:01 24/10/2005
Tags:

"O obxectivo da candidatura –lembra- non consiste en fortalecer a visión folclórica do PIGP, senón en construír alternativas que, aproveitando os coñecementos vencellados ás actividades agrarias e as manifestacións derivadas do universo festivo, sirvan para resolver algúns dos problemas aos que se enfronta o mundo rural galego-portugués".

Vieiros: A idea de tentar recuperar os saberes tradicionais, máis alá do retrouso folclorista, podería parecerlle utópica a moitos desavisados.
Xavier Simón: Máis utópico é pensar na supermodernización do campo galego. ¿Acaso temos que introducir retroescavadoras para facer grandes campos nos que sexa posíbel a mecanización máis intensiva? ¿Acaso a solución ós nosos problemas pasa pola introdución masiva de razas animais superprodutoras de proteínas mediante iniciativas de gandería sen terra? O que necesitamos os galegos e todos os habitantes do planeta son sistemas de produción de alimentos que sexan sans e saudábeis, que contribúan á conservación da biodiversidade, sistemas que non destrúan a base de recursos dispoñíbeis e que estean estruturados en base ós recursos locais. E o saber facer, os coñecementos agrarios tradicionais, poden contribuír a ese obxectivo.

Até que punto seguen sendo compatíbeis no campo galego tradición e sustentabilidade?
No agro galego, observado de xeito global, a modernización resultou un evidente fracaso. O avance da mecanización, da especialización produtiva e máis das variedades de alto rendemento (no cultivo, no gando, no monte), piares da agricultura industrializada que tantos problemas están a causar (vacas tolas, toxinas, febres, esgotamento de acuíferos....), trouxeron ao noso país o barbeito improdutivo: terras de cultivo, prados e montes e sistemas complexos de manexo afastados de calquera funcionalidade no mundo rural. Ó tempo fóronse perdendo enxeños tradicionais (muíños de auga, por exemplo) que aproveitaban as enerxías renovábeis, sistemas de rego, estival e invernal, que aproveitaban o fluxo superficial da auga. Tamén se perderon sistemas de manexo comunitário como os rabaños de gando xestionados colectivamente. Se queremos atallar os problemas aos que nos enfrontamos, non serven os sistemas que os orixinaron. O punto de partida é recuperar e viabilizar, social, técnica e economicamente, estratexias de aproveitamento dos recursos alicerzadas na sabedoría tradicional

É dicir, a actualización da tradición podería contribuír, paradoxalmente, á modernización do campo galego...
Aí está o cerne da proposta de Ponte nas Ondas!, que eu tentei avaliar en termos de impacto social e económico. O campo galego hoxe enfronta dous problemas severos: o abandono do rural e os problemas ambientais derivados del, que se manifestan ciclicamente nos incendios forestais. Para atallar eses dous problemas e contribuír á consolidación dunha economía sustentábel, as tradicións son un elemento imprescindíbel.

Sendo o Entroido a máis aproveitábel das festas de raizame agraria que integran o PIGP, cal sería o xeito de facer do galego unha referencia a nivel europeo?
Á diferenza do que ocorre cos coñecementos agrarios tradicionais, o universo festivo, lúdico e de lecer está moi vivo. Até agora, o Entroido Galego-Portugués non existe. Existen os entroidos das localidades, cada unha coas súas celebracións, agás o que nos últimos anos se chama o triángulo festeiro do Ourense oriental (Laza, Verín e Xinzo). Se Galiza é unha descoñecida para os turistas estranxeiros , o seu Entroido simplemente non existe nos circuítos turísticos. Mesmo os propios galegos, de forma xeral, descoñecen moitas destas manifestacións lúdicas. A idea que se manexa é criar unha especie de selo distintivo do Entroido Galego-Portugués coma un todo que abrangue diferentes celebracións ó longo de máis de 30 días, e facer campañas de captación de turistas internacionais pero tamén dentro do Estado. Salvando as diferenzas, o Entroido Galego-Portugués pode ser o equivalente europeo do Carnaval canarinho: pode xerar novas rendas na economía galega traendo ó noso país persoas que busquen troula, turistas que se movan por motivos culturais, persoas que valoren os contrastes entre a moderna Europa e a Europa atrasada, ancorada en tradicións seculares. O fundamental sería converter o Entroido Galego-Portugués nun referente turístico anual nas redes turísticas europeas. O goberno galego e o portugués teñen a posibilidade, ou quizais a obriga, de investir tempo e diñeiro no deseño de campañas que universalicen estes fitos festivos, o que contribuiría a dignificar o traballo anónimo de moitos homes e mulleres, ó tempo que rendería beneficios nunha das zonas máis deprimidas da Europa occidental. Isto pode ser logrado se o 25 de Novembro o PIGP é recoñecido como Patrimonio da Humanidade.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: