Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA CON MARCIAL GONDAR, CATEDRÁTICO DE ANTROPOLOXÍA SOCIAL

Marcial Gondar: "Galiza debe ampliar as funcións do seu Monopoly"

"Para loitar contra o mecanicismo e a fragmentación da realidade, nós temos nestas formas tradicionais un verdadeiro capital simbólico, semellante ao do Mezzogiorno, moito máis fácil de activar ca noutras culturas máis avanzadas tecnicamente". Isto é o que pensa, encol do patrimonio inmaterial galego-portugués, Marcial Gondar, autor de Crítica da razón galega e Ensaios de Etnopsiquiatría galega, entroutros numerosos ensaios sobre identidade psicosocial, antropoloxía aplicada e antropoloxía da saúde. Remarca que as identidades son "estratéxias que cómpre pensar en clave de futuro", e insiste na necesidade de activar o noso património "non só dun xeito emotivo". Unha entrevista de Óscar Iglesias.

- 10:24 07/11/2005
Tags:

Vieiros: Pódese falar dunha estructura de sentimento común a Galiza e Portugal? Marcial Gondar: A cultura galega e a própia do norte de Portugal son unha unidade, e convén ir aproveitando, sen ir á guerra, as novas formas de organización europeas para poñer en valor esa unidade cultural histórica. Está claro que aí a fronteira política é artificial, pero agora as circunstáncias cambiaron, e os Estados xa non son o que eran.

Desde un punto de vista antropolóxico, ¿como poderiamos poñer en valor o Património Inmaterial Galego-Portugués máis alá do conservacionismo folclorista?
Trátase de utilizar a historia como material para o presente. Estámonos a formular outra vez o problema da identidade: cando a Xeración Nós a conceptualizaba a partir do pasado, estaba en sintonía coa sociedade tradicional, pero agora debemos ampliar as mensaxes e construír unha identidade de futuro. Non podemos activar o noso patrimonio só dun xeito emotivo, o que non quere dicir que teñamos que converternos nuns papáns da modernidade. Todo iso, globalmente, pasa por un proxecto de país e, no que atinxe ao património, por conservar, analizar criticamente e actualizar, fuxindo desa romántica sacralización conservadora propia dos coros y danzas do franquismo.

Cómpre someter a crítica as súas formas de presentación, visualizándoo coma un todo social, e aí sáenos un concepto de cultura ben distinto. Hoxe a xente obra por seducción, e e nós tamén poderiamos utilizar o márketing para vender o noso património. Galiza debe ampliar as funcións do seu Monopoly, introducindo, amais de constructores, ecoloxistas e xestores do património para activar aquelas áreas de interés para nós, moitas delas vencelladas ó PIGP.

Que manifestacións culturais do PIGP se poderían activar cara ao presente?
Como instrumento de disolución das tensións e fomento da convivéncia, a regueifa poderíase ensinar na escola sen modificacións, e valería ó tempo para que os nenos aprendesen gramática. Aquí habería que lembrar que o património é tamén política, e cando non, é colonialismo. A sentenza a língua non se sente no bandullo, de Castelao, non vale para un mineiro en folga se non ten un valor material. E aquí habería que falar da apertura de Galiza ao mundo da lusofonía. Os portugueses xa fixeron o seu Open Access con repositorio para os seus investigadores, e aquí seguimos utilizando os atavíos do adversario para presentármonos en sociedade.

Vostede fala dunha "raíz común da melancolía" no mapa inmaterial galego-portugués. Torga escribiu sobre os "idénticos adubíos da morte" a ambos os dous lados da raia.
A cultura tradicional galego-portuguesa ten unha morea de técnicas para xestionar a anguria, desde o cerimonial do velatorio ás formas de loito, o cal a distingue do arrepío actual de afastar os cemitérios, encher os tanatórios ou botar aos mortos da casa. A saudade é unha melancolía proclamada, un recurso terapéutico. Un andaluz comentábame que os nosos prantos de velatório eran idénticos a algúns paos do flamenco... Os galegos temos un barroco por dentro, pero isto ten sentido desde unha lectura materialista.

A conservación de moitos destes rituais débese á súa funcionalidade nun contexto, o de Galiza e o do norte de Portugal, historicamente illado.
O certo é que algúns elementos do atraso son positivos. Falando da angúria da morte, nós non temos que inventar formas de xestionala, ó contrario cós campesiños alemáns ou franceses. Para loitar contra o mecanicismo e a fragmentación da realidade, nós temos nestas formas tradicionais un verdadeiro capital simbólico, semellante ao do Mezzogiorno, moito máis fácil de activar ca noutras culturas máis avanzadas tecnicamente. As culturas tradicionais tiveron que penar co atraso, pero a emigración, por exemplo, axúdanos a entender o multiculturalismo.


Ligazóns

4,33/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: