Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

Vázquez Pintor: "Hai que pedir vez na casa dos obradores"

Poeta, novelista e ensaísta, Xosé Vázquez Pintor ten dito que os seus libros máis agradecidos son os ensaios de Os vellos oficios, A tribo sabe e Tal era vivir. "É un patrimonio que nunca saberei agradecer, pola amabilidade dos protagonistas e pola riqueza da súa oralidade", di. Entre as débedas contraídas cos vellos oficiantes, unha exposición mediática "máis alá dos acenos rituais ou da esperanza do museu, que albisca a derrota", axudas, a atención do ensino público e mostras itinerantes "para sentir o pálpito dos aínda vivos". Unha entrevista de Óscar Iglesias.

- 18:11 08/11/2005
Tags:

Vieiros: Vostede tenta recuperar a memoria dos vellos ofícios tradicionais, algúns a piques de desaparecer. ¿Cal sería o mellor xeito de recuperar a memoria dos traballos vencellados á terra?
A recuperación do labor artesanal vai en paralelo á memoria das tribos, pero o oficio en si mesmo non o é todo, están as outras dimensións da memoria, as que son fundamento desa identidade que marca o compromiso de seguirmos vivos contra calquera pronóstico de desaparición. Fica a Palabra dos vellos oficiantes, coa riqueza dos nómadas que saben outra fala que os diferencia no universo dos saberes e das oralidades colectivas. O xeito mellor para a recuperación é dar todas as axudas para promoción e vida digna, unha grande mostra ou mostras itinerantes, no directo dos lugares das orixes (O Rosal, Mondariz, Nogueira de Ramuín, Terra de Montes, Pendellos d´Agolada....), para poder sentir o pálpito dos aínda vivos. O mundo mediático e virtual débelles estas oportunidades.

Até que punto son comúns en Galiza e Portugal os principais hábitos e permanencias deste mundo de traballos tan singularizados, incluídos os seus códigos lingüísticos?
Con Portugal non hai distancia suxestiva para non seguirmos na memoria dos convivios: lingua, literatura, etnografía, historia.... A implantación dun xeito de facer oficio e labra singulares, as xergas como valor engadido de riqueza, creando todo un rebulicio de obradores sabios que traían consigo palabra e obra novas, afixéronnos até hoxe a tantas visitas que Portugal-Galiza son unha referencia de tradición e de respecto, de calidades: arte e maxia obradora, creación, sinal identitaria.

Que sinerxias habería que aproveitar neste eido para poñer en valor o PIGP?
Todas son poucas. As mostras colectivas ou singularizadas, a itinerancia polos camiños de antigo ricaces nos expositores de Feiras, Festas, Convivios...Sempre a correspondencia Home/Muller/Terra, ese contaxio das fertilidades, coa Palabra común (Galego-Portugués), a meirande riqueza. Un grande Ave débenos as viaxes pola historia común: o recoñecemento. E hai en Portugal irmáns e amigos. Só falta un clic aquí que abra de vez a nosa porta máis garrida.

Entre as lafras, os códigos inventados polos albaneis de Bueu, e o barallete dos afiadores media algo máis ca un criterio de funcionalidade. ¿Hai moito que investigar en Galiza no eido da sociolingüística?
Si que hai moito por investigar. Os filólogos teñen unha agra aberta na memoria dos obradores que saben falar no verbo. O tempo corre e varre axiña aquelas vidas que son enciclopedias desta sabiduría aprendida co oficio. Hai que ir axiña a eles. Pedir vez nas súas casas, para a investigación e as consultas, e chegarmos atentos e xenerosos para o recibimento da tanta mantenza das palabras. As lafras dos albaneis de Bueu respostan ao interese de Antonio Alves Ferreira, que nacera en Viana do Castelo no ano 1889, e chegara a Galiza moi novo para rematar os acabados do Hotel da Toxa; tal era a súa mestría que en Bueu estuca, pinta, labra os zócalos das casas e da Fábrica de Massó e fica xa namorado no Morrazo, onde prenden canda el as palabras de importación portuguesa que han deixar pegada no oficio.

Como se podería recuperar o interés polo verbo desde o ensino público?
Cómpre un repenique de alertas ás sensibilidades para que as xergas sigan vivas. A miña teima está en que os centros nutricios dos obradores queiran e poidan transmitir esta riqueza sociolingüística. O ensino público ten a obriga de manter este patrimonio como ferramenta para a creación de textos, como ledicia nos encontros entre a xuventude e a madureza, xa que o verbo é xoldra, uns códigos cheos de simboloxía e de retranca na frescura das inmediateces. Proben a ir polo Rosal e escoiten ao Trinta e ao Piedras, cabaqueiros, dando leria; fagan unha achega a Mondariz para escoitar a Campelo e Ceferino, boghardeiros; irmos a Terra de Montes e falarmos en Cerdedo dos arginas, no verbo, con Roxelio Arca e David Bouzán; estar de caladiño en Loña do Monte, Luíntra, Nogueira de Ramuín... até que a voz do barallete espere o apito. Ou tamén Bueu, nunha taberna ou furancho de Cela, lafrando con Seso e Pepe, os albaneis que copiscan e afinan o pinsel da tinta femia. E tantos máis.


Ligazóns

4,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: