Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
I XORNADAS DE COMUNICACIÓN SOCIAL DE GALIZA

Tres días para debater sobre a sociedade na información

"A sociedade na información" é o lema baixo o que se celebran as primeras Xornadas de Comunicación Social de Galiza organizadas pola Secretaría Xeral de Comunicación e o Clube Internacional de Prensa. O obxectivo das xornadas, que contarán entre outros coa intervención do director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, é "abrir o abano do debate que xira entorno á comunicación á toda a sociedade, valorando o papel que esta cumpre no entramado da comunicación fundamentalmente en Galiza". As xornadas terán lugar os días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro en Santiago de Compostela.

- 10:42 30/11/2005
Tags:

Tralo acto de inauguración, que terá lugar no Comedor Real do Hostal dos Reis Católicos en Santiago, e despois dun Café-pausa, terá lugar unha Mesa Redonda moderada polo Catedrático de Ciencias Políticas da USC Xosé Luís Barreiro Rivas, e que sentará ás 20:00 hs –tamén no Comedor Real do Hostal- a diferentes representantes dos distintos medios de comunicación en Galiza atendendo aos distintos soportes: Xosé Hermida de El País; Edelmira Carracedo, Subdirectora de Informativos da TVG, Afonso Eyré –director de A Nosa Terra-, Luís Villamor –redactor da sección de Política na Voz de Galicia e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación na USC-, Anxo Quintela, director de Vieiros, Miguel Túñez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xavier Cea, subdirector de Galicia Hoxe e El Correo Gallego, e Ánxel Vence, articulista de La Opinión e Faro de Vigo. "Comunicación e Sociedade en Galicia" é o tema sobre o que cada relator verterá a súa visión, e que será debatida cos asistentes das Xornadas.

Estas Xornadas plantéanse "abertas ao público" en xeral, malia que sexa o sector profesional relacionado directa ou indirectamente coa comunicación ó que con maior énfase van dirixidas. A Xunta de Galicia considera que o debate sobre "A Sociedade Na Información" debe implicar á sociedade no seu conxunto, e de aí, que a elas poidan acudir, de balde, tódolos sectores sociais e persoas interesadas nesta temática.

A produción televisiva
O segundo día das Xornadas, Pedro Revaldería, director de Produción Propia en Tele 5, impartirá ás 18:00 hs. no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC unha conferencia sobre "A produción cualitativa: un modelo eficaz no mercado maduro", conferencia que será presentada polo director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez.

Ramonet e Ramón Chao
Ao día seguinte, derradeira xornada do Programa, serán Ignacio Ramonet e Ramón Chao quen nos falen ás 20:00 hs. no Hostal dos Reis Católicos sobre "O noso xornalismo: dous itinerarios". Ámbolos xornalistas galegos residentes en París, porán o punto e final a estas Xornadas, que rematarán ás 21,30 da noite cun Acto de Clausura que será presidido tamén polo Presidente da Xunta de Galicia, Excmo. Sr. D. Emilio Pérez Touriño, así como o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, xunto con outras autoridades, participantes e convidados especiais de tódolos medios de comunicación e doutros sectores culturais e profesionais.

  • Folla de inscrición para as Xornadas de Comunicación Social de Galiza


  • 0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: