Non será ata a tarde deste venres que comecen a chegar ao porto vigués os seis barcos que neste momento permanecen en Sanxenxo. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, amosou este xoves o "malestar" do goberno galego polo incumprimento dos acordos coa organización que inicialmente garantiran a presencia en Vigo dos veleiros desde días antes, con todo o potencial económico e de imaxe que se agardaba deste inicio da Volta ao Mundo. O bautizado Piratas do Caribe será o primeiro en facerse ver diante da cidade, contra as 16h, e unha hora máis tarde irán asomando os demais, entre eles o Brasil 1 que destaca na súa web oficial ao temoeiro Roberto Chuny Bermúdez "único nativo da Galícia na competição, que vai largar para a Cidade do Cabo no barco brasileiro".