Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

Luísa Márquez: "Cómpre abrir as portas da escola aos portadores da tradición oral"

Luísa Márquez coordina nestes momentos tres proxectos faro na Rede de Escolas vencelladas á Unesco: un estudo sobre desenvolvemento sustentábel desde a perspectiva de xénero, o proxecto transatlántico de trata de escravos (nenos galegos estiveron en Trinidade-Tobago) e o proxecto Patrimonio Mundial, orientado á tradición oral galego-portuguesa. O ensino do patrimonio oral nas escolas céntrase na recuperación da memoria dos maiores, a súa experiencia vital, as lendas, os refráns, as cantigas e oficios, o coñecemento da medicina natural, as formas tradicionais das explotacións agrarias ou o patrimonio marítimo.

- 11:47 14/11/2005
Tags:

Márquez é profesora de Historia e Arte no IES Luís Seoane de Pontevedra. Recibiu en cinco ocasións diversos premios de innovación educativa por proxectos relacionados cos dereitos humanos, a paz, o multiculturalismo e o patrimonio. A Rede de Escolas integra a 17 escolas galegas (183 a nivel estatal). Márquez remarca a "xenerosa aportación" do Concello de Pontevedra, e subliña que a financiación destes proxectos debería ir "máis alá de Educación ou Cultura".

Vieiros: Que lles ensinan aos nenos sobre o patrimonio oral galego-portugués? Que métodos transversais empregan? Como responden os rapaces? Luísa Márquez: Trátase sempre de usar unha metodoloxía afectiva e globalizadora, por iso incorporamos ás nosas escolas a presencia dos avós e avoas, establecimos feiras do patrimonio, entrevistamos ós portadores, gravamos actividades ligadas aos oficios, á música e ás danzas, recuperamos vellos camiños, recopilamos as falas particulares, elaboramos unidades didácticas para incorporar o patrimonio oral ás aulas e organizamos o II Encontro das Escolas Asociadas ao redor da candidatura do Patrimonio Oral Galego-Portugués. E incrementamos a relación coas escolas portuguesas, participamos nos programas de radio de Ponte nas Ondas e convertémonos, como Rede de Escolas Asociadas, en entidade promotora da Candidatura, iniciando os contactos coa división do Patrimonio inmaterial da UNESCO por recomendación personal de Juan Goytisolo, nese momento presidente do xurado internacional.

Os rapaces e rapazas amosan unha resposta moi positiva xa que atopan unha relación directa entre a escola, as súas familias e o seu entorno, converténdose en suxeitos activos e creadores do seu propio devir, o que axuda a desenvolver neles un sentimento de pertenza a unha cultura minorizada.

Como pode recuperar o ensino galego o tempo perdido na posta en valor da tradición oral?
Adquirindo un compromiso real coa defensa do patrimonio, incorporándoo ás programacións de aula, abrindo as súas portas aos portadores para que se incorporen á vida escolar e facendo que todos os membros da comunidade escolar sexan parte activa na súa defensa, no seu coidado e na súa transmisión. É imprescindíbel que as autoridades educativas da Galiza e de Portugal asuman a súa responsabilidade na xestión, preservación e difusión do patrimonio oral.

O proceso de sensibilización, que aínda non callou, debe ir acompañado pola procura de novos métodos de financiación?
As fontes de financiación deberían ir máis alá das Consellerías de Educación ou Cultura, pois o Patrimonio oral e a súa posible proclamación como obra Mestra da Humanidade convérteo nun importante foco de atracción turística, non folclórica. As autoridades responsábeis deberían artellar sistemas de financiación que permitisen desenvolver un programa de acción xa; os contactos das coordinacións da Rede de Escolas Asociadas, sen ir máis lonxe, permiten desenvolver iniciativas de promoción exterior e teñen un compoñente de interés cultural, de respecto mutuo, de multiculturalismo, que contribúen a connotar positivamente o turismo en prol do patrimonio.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: