Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VOLTA AO MUNDO DE VELA

O Brasil 1 destácase na primeira tirada cara a Capetón

A última hora da Volvo cóntanos do destaque na primeira posición do Brasil 1, con Torben Grael de patrón e o galego Chuny Bermúdez de temoeiro. Entre trinta e corenta millas máis atrás e moi próximos entre eles navegan o Ericson e os holandeses ABN AMRO 1 e 2, respectivamente. Mentres, os organizadores avalían cos responsábeis dos equipos Movistar e Piratas a posibilidade de que poidan reincorporarse á regata logo das avarías sufridas durante o primeiro día de competición.

- 10:47 15/11/2005
Tags:

Sorprenderon polo seu rendemento no inicio desta primeira etapa cara á cidade sudafricana de Capetón os veleiros holandeses ABN AMRO. O ABN 2, co francés Sebastian Jossé coma patrón nesta súa primeira participación na Volta ao Mundo de Vela, destacouse na xornada do domingo, aínda que seguido de preto polo Brasil 1 e o Ericsson. Na xornada do martes os barcos mudaron posicións, e co galego ao temón, o Brasil 1 acadou o liderado da carreira, conseguindo unha pequena vantaxe sobre os holandeses. Pouco por tras ía o Ericsson, patroneado polo experto Neal McDonald, que xa conseguira a segunda posición na súa anterior participación na Volta ao Mundo de Vela, e do que a última hora nos informaban que xa conseguiu superar aos holandeses, estando malia iso a 33 millas de distancia do Brasil.

Os ventos de ata 70 km/h e as ondas de cinco metros que os veleiros atoparon na primeira xornada frustraron a ambición coa que saían o Movistar, Piratas e Sunergy, que deberon abandonar a competición. O mar bravo tamén lle causou pequenas avarías aos catro barcos que aínda están en competición, malia que puideron continuar viaxe.

Os australianos do Sunergy foron os primeiros en ter que poñer rumbo a porto, sendo a última noticia deles de parada en Madeira con prognóstico de varias horas antes de reparación antes de poder volver ao mar. Durante o domingo o Movistar tivera que parar no porto portugués de Portimao, e a última hora aínda cavilan a posibilidade de que o barco viaxe en avión directamente a Capetón, para ser reparado nun estaleiro da cidade africana e poder retomar a competición na segunda etapa. Do mesmo xeito, a primeira hora do luns, paraban tamén en porto luso os Piratas, con importantes desperfectos no barco.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: